Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu homenaxeará este sábado ao pintor José Benito Otero Baena

  • O acto, que se celebrará ás 11.00 horas, consistirá na colocación dunha placa na que fora a vivenda do artista local, situada na rúa Eduardo Vincenti 9
  • O Concello e a familia do artista presentarán ao longo dos próximos meses unha serie de iniciativas para poñer en valor a traxectoria artística

O Concello de Bueu organizará este sábado, 9 de xullo, ás 11.00 horas, unha homenaxe ao artista local José Benito Otero Baena, cun acto no que se colocará unha placa na que fora a súa vivenda, na rúa Eduardo Vincenti, 9, moi preto da Casa Consistorial.

Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Xosé Leal, concelleiro de cultura, mantiveron nos últimos meses diversas xuntanzas coa familia do artista para perfilar o que será esta homenaxe, que se desenvolverá o sábado e á que están confirmadas as asistencias do alcalde, Marta Otero, filla do artista e que traballa como profesora da UNED e no Museo Massó, Beatriz de San Ildefonso, conservadora do Museo de Pontevedra, ademais de familia e amizades.

Xosé Leal será o encargado de presentar este acto, que “nos permitirá dar a coñecer a faceta artística de Otero Baena, que se define pola súa variedade cromática”. A continuación intervirá Beatriz de San Ildefonso, experta na obra de Otero Baena e que falará sobre a técnica e temáticas abordadas polo artista bueués, e tamén Marta Otero, en representación da familia.

Este acto pretende ser o inicio dun proxecto máis ambicioso co que o Concello de Bueu contribuirá a  manter vivo o legado dunha persoa comprometida coa arte, e que será o inicio de toda unha serie de iniciativas arredor da obra do pintor que se anunciarán ao longo dos próximos meses.

José Otero Baena faleceu no ano 2017 e era coñecido en Bueu a raíz do seu paso pola política e polo traballo na caixa de aforros, e no eido artístico foi considerado como o mellor espatulista da arte galega da época. Chegou a recibir unha bolsa da Deputación de Pontevedra para estudar na Escola de Belas Artes de San Fernando, en Madrid, pero as obrigas laborais levárono a voltar á casa. Otero Baena considerábase un home de formación autodidacta que adoraba pintar paisaxes dunha gran variedade cromática, unha faceta que será protagonista e que se destacará no acto do sábado.