Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu felicita ao Club Corredoiras, campións da Liga Nacional de Billarda esta tempada

  • Félix Juncal destacou que “para nós supón un orgullo inmenso contar cun club coma o voso, tan activo, no que impera un gran espírito de compañeirismo e esforzo compartido”

O salón de plenos do Concello de Bueu acolleu este mércores, 6 de xullo, un recibimento oficial ao equipo de billarda do Club de Atletismo Corredoiras, que recentemente veñen de proclamar a súa vitoria na Liga Nacional da Billarda desta tempada. Félix Juncal, alcalde da vila, destacou que “para nós supón un orgullo inmenso contar cun club coma o voso, tan activo, no que impera un gran espírito de compañeirismo e esforzo compartido, e a través do que demostrades como debe inspirar o deporte na vida”.

No acto estiveron presentes, ademais do rexedor, outros membros da corporación municipal, como Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, Alberto Moital, concelleiro de patrimonio, arquivo e bibliotecas, Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social e igualdade, Ricardo Verde, concelleiro de deportes e actual presidente do Club Corredoiras, e Elena Estévez, voceira do PP.

O Club de Atletismo Corredoiras naceu no ano 1995 como unha unión entre varias persoas que participaban en probas deportivas de atletismo, aínda que ao longo da súa historia foron incorporando outras modalidades, como foi o equipo de cachiza, como se coñece o deporte da billarda en Bueu, do que na actualidade forman parte Bego Outeiro, Charri, Beni, Adri, Fari, Ricar, Chefa, Bego e Lito, e aos que hoxe se lles fixo entrega dun diploma por parte do Concello.