Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu instalará estantes móbiles no Arquivo Municipal

  • Esta reforma realizarase con cargo a unha subvención da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia.
  • O proxecto ascende a un orzamento total de 52.175,20 €, dos que 36.522,64 € se corresponden coa achega autonómica

O Concello de Bueu acometerá este ano a renovación dos estantes móbiles do Arquivo Municipal, situado no Centro Sociocultural de Cela e que dende hai tempo necesita unha mellora importante. O proxecto, cun orzamento de 52.175,20 €, conta cunha subvención da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia por importe de 36.522,64 €.

A notificación da resolución da axuda chegou ao Concello de Bueu esta semana, polo que en breves se poderá comezar coa licitación para o subministro destes novos estantes que permitirán dar cabida a toda a documentación en papel pendente de recibir dos diferentes servizos municipais, responder ás expectativas do volume de documentación en soporte papel dos próximos anos, coa diminución prevista pola implantación da Administración electrónica, e aumentar a capacidade de arquivo actual.

Situación actual do Arquivo Municipal que se vai mellorar

Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Xosé Leal, concelleiro de cultura, salientan que tamén está pendente que se arranxe o ascensor do Centro Sociocultural de Cela e que se solucionen os problemas de humanidade do edificio.

A memoria técnica redactada polo arquitecto técnico municipal indica que os estantes fixos e móbiles irán montados sobre unha plataforma, para instalación de caixas de arquivo de 120x386x277 mm. O conxunto terá unha capacidade mínima equivalente a 4200 caixas. Estímanse, pois, un total de 56 unidades de estantes, cunha lonxitude aproximada de 1m.

Este proxecto forma parte da mellora das infraestruturas municipais, e dende a concellaría de cultura avánzase que se creará un arquivo visual e fotográfico de Bueu.