Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A Xunta de Galicia ratifica por escrito o acordo sobre o acceso da veciñanza á Illa de Ons

Reunión 'Mesa por Ons' celebrada o 22 de maio

  • A Directora Xeral de Patrimonio Natural anuncia que se está poñendo en marca o proxecto piloto na aplicación informática de AMTEGA, no que se reserva un recadro de 800 persoas de cupo de illáns / illás

O alcalde de Bueu, Félix Juncal, mostra a súa satisfacción despois de recibir este xoves un escrito da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia que ratifica o acordo ao que se chegou a pasada semana con respecto ao acceso da veciñanza á Illa de Ons, na reunión telemática celebrada entre os voceiros da corporación municipal de Bueu, a representación veciñal, o Delegado Territorial da Xunta en Pontevedra, e o Xefe Territorial de Medio Ambiente.

No documento, que se recibiu a través do Rexistro Xeral, apúntase que “por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda estamos a ultimar a posta en marcha da aplicación informática que permitirá canalizar adecuadamente o acceso diario a illa de Ons, segundo o que establece o Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Nacional Marítimo – Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia”.

Despois do acordo acadado o 18 de setembro do 2019, e tras os escritos do Concello de Bueu do 11 de marzo e 25 de maio, a Xunta procederá a poñer en marcha o correspondente proxecto piloto a través da aplicación informática da AMTEGA. Nese aplicativo reservarase, pois, un recadro para os veciños e veciñas da illa, ao que corresponderá o número de 800, tal e como se acordou na reunión do pasado venres por parte dos representantes autonómicos.

Diversas interpretacións

Desde o mesmo momento de aprobación do PRUX, a veciñanza da Illa de Ons defendeu o seu dereito de acceso á Illa fóra do cupo xeral de visitantes, para o que contou sempre co apoio unánime de toda a corporación municipal bueuesa. Froito das continuas reivindicacións, o 18 de setembro de 2019 acadouse un acordo entre todas as partes implicadas, no que se estableceu un cupo para illáns e illás de 800 persoas en total, ao que habería que engadir, se houbese demanda, un bloqueo de ata 300 prazas do cupo de visitantes.

Nas últimas semanas tensouse o debate, sobre todo porque a Xunta volvía cuestionar este acordo, o que levou á veciñanza a pecharse nas dependencias do Concello de Bueu durante cinco días, ata que o venres pasado se celebrou a Mesa por Ons na que os representantes da Xunta se comprometeron a respectar o acordo asinado en setembro do 2019 e a garantir o acceso da veciñanza á Illa.

Xunta de voceiros

Tal e como se prevera, este venres celebrarase no Concello unha xunta de voceiros ás 19.00 h, na que se debaterá arredor da inclusión ou non dalgún asunto arredor da problemática de acceso á Illa de Ons de cara ao pleno do luns.