Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu instala rego automático no Parque Ramal dos Galos

Culminouse tamén a actuación de axardinamento da rotonda do Parque Empresarial de Castiñeiras, na que se investiron preto de 6.000 euros

Os servizos de xardinería e fontanería do Concello de Bueu centraron os esforzos estes días na instalación dun rego automático no xardín do Parque Ramal dos Galos, sito xunto á Biblioteca Municipal Torrente Ballester. Segundo destaca Félix Juncal, alcalde da vila, estes traballos forman parte do plan de mellora dos xardíns municipais, e xa nas semanas previas se deixaron listos os regos que restaban nos Xardíns de María Eugenia, e proximamente se comezará co Recinto Multiusos da Estacada, onde se celebran cada ano eventos tan importantes como a Festa do Polbo ou o SonRías Baixas.

Juncal tamén salienta a actuación de mellora e axardinamento da rotonda do Parque Empresarial de Castiñeiras, uns traballos que se levaron a cabo co persoal contratado no marco do Plan de Emprego da Deputación de Pontevedra, e no que se investiron preto de 6.000 euros, con cargo a fondos propios. A actuación consistiu no fresado do espazo, onde se plantou herba natural e se deseñou un lugar con plantas ornamentais, que melloran un polígono polo que transitan moitas persoas diariamente. Esta actuación complementa outras que se levaron a cabo no polígono, como a renovación da iluminación e o cambio dos báculos, a reparación integral das beirarrúas ou a mellora da sinalización horizontal nos viais.

Axardinamento da rotonda do Parque Empresarial de Castiñeiras

Nos próximos días, o persoal da brigada de obras e servizos municipal continuará co mantemento das zonas verdes da vila, así como coas limpezas nas diversas parroquias.