Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello comeza cos traballos de acondicionamento da Fonte de Vilar

  • A actuación, que se leva a cabo co persoal de albanelería e cantaría do Plan de Emprego da Deputación, consiste na limpeza da contorna e no acondicionamento da fonte
  • O plan de traballo continuará co mantemento do lavadoiro sito na zona de Xexide, e do de Portas, no vial que vai do Outeiro á Barraca

Félix Juncal, alcalde de Bueu, visitou este luns as obras que está levando a cabo o Concello na Fonte de Vilar, na parroquia de Beluso. Alí, os operarios da brigada de albanelería e cantaría contratados no marco do Plan de Emprego da Deputación de Pontevedra arrancaron cos traballos de limpeza do espazo, e continuarán co acondicionamento deste lugar.

Este traballos forman parte do plan de acondicionamento do patrimonio municipal, no que tamén se acometeu a mellora na fonte e no lavadoiro do Lago Mansiño, na Fontenova, na zona de Montemogos, e na de “Requeixo”, no lugar de Bon, todas elas na parroquia de Beluso. O alcalde, que se encarga tamén da xestión da área de obras e servizos, móstrase satisfeito e salienta que “agora é o momento no que estamos en condicións de asumir dende o Concello o arranxo e mellora destes espazos, despois de que solicitásemos a creación dunha brigada con persoal de cantería e albanelería con cargo ao Plan de Emprego da Deputación”.

Dende o Concello continuarase con este plan global de acondicionamento de fontes e lavadoiros, que tradicionalmente foron importantes lugares de socialización da cidadanía. Neste senso, destaca que a actual liña de traballo xa arrancou o pasado ano coa rehabilitación integral dos lavadoiros do Mieliño, A Graña e o situado no barrio da Banda do Río. O plan de traballo continuará proximamente co mantemento do lavadoiro sito na zona de Xexide, e do de Portas, no vial que vai do Outeiro á Barraca.