O Concello de Bueu inicia este sábado un ciclo sobre a saúde cunha charla sobre as enfermidades mentais
- A bueuesa Irene López Gutiérrez, investigadora do grupo Neuropsicofarmacoloxía molecular na Universidade Complutense de Madrid, será a encargada de impartir unha conferencia sobre o estigma das doenzas mentais
- O acto terá lugar o sábado 3 de abril, ás 12.00 horas, na Sala Multiusos do Centro Social do Mar, e tamén se retransmitirá en directo dende a canle de YouTube do Concello
O Concello de Bueu continúa apostando polo fomento de hábitos saudables e inicia un ciclo de conferencias arredor da saúde. A bueuesa Irene López Gutiérrez, graduada en Bioquímica e investigadora do grupo de Neuropsicofarmacoloxía molecular na Universidade Complutense de Madrid, será a encargada de impartir unha conferencia sobre as enfermidades mentais este sábado, 3 de abril, ás 12.00 horas, na Sala Multiusos do Centro Social do Mar. As persoas que queiran participar nela deberán inscribirse previamente cubrindo un formulario na web municipal, e a actividade retransmitirase en directo dende a canle de YouTube oficial.
Baixo o título de “O estigma das enfermidades mentais”, López Gutiérrez falará de dous dos grandes problemas aos que se ven obrigadas as enfermidades mentais: o estigma e a falta de tratamentos eficaces. A través dunha viaxe ao interior do noso cerebro, aprenderemos cales son as alteracións que teñen lugar nesas doenzas e cal é a labor que levan a cabo no seu laboratorio, onde tratan de atopar novas dianas terapéuticas coas que previr, diagnosticar e tratar. A idea é continuar estas charlas sobre saúde nas próximas semanas, con temáticas como a saúde sexual ou a alimentaria.
Esta actividade insírese na campaña proxectada dentro do Día da Muller da Ciencia, que se celebrou o 11 de febreiro, cando a Covid-19 impediu a organización da mesma. De feito, a investigadora bueuesa xa impartiu unha poñencia no CEIP A Torre de Cela, na que explicou o funcionamento do cerebro a través das ilusións ópticas, e ten programadas dúas charlas máis co alumnado do IES Illa de Ons e co do IES Johán Carballeira.
Irene López é graduada en Bioquímica pola Universidade Complutense de Madrid (UCM). Realizou o seu Traballo de Fin de Grao no Laboratorio de Neuropsicofamacología Molecular liderado polo Dr. Juan Carlos Leza, grupo G12 do CIBERSAM. Posteriormente realizou un Máster en Neurociencia pola mesma Universidade, continuando a súa actividade investigadora co grupo. Despois dunha estancia de tres meses en Alemaña, no grupo do Dr. Michael Haneka experto en neuroinflamación, volveu ao grupo G12 cunha FPU para a realización do doctorado. Actualmente atópase no seu terceiro ano de tese, na que estuda os efectos antiinflamatorios e neuroprotectores da noradrenalina na enfermidade do Alzheimer.