O goberno bueués aproba unha moción para esixir á Xunta de Galicia un convenio de fomento da vivenda protexida

  • A proposta saíu adiante no pleno telemático deste mes de abril cos votos a favor de BNG e ACB
  • Na sesión tamén se debateron e aprobaron outras mocións como a da baixada do IVE dos salóns de peiteado, a supresión dalgúns puntos da Lei de Cambio Climático, ou a derrogación da 1ª revisión do plano forestal de Galiza

A corporación municipal de Bueu celebrou este luns, 5 de abril, unha nova sesión plenaria ordinaria, na que se aprobaron diversas mocións, como a relativa ao establecemento dun convenio coa Xunta de Galicia para a consecución de vivenda protexida en Bueu. A proposta partiu dos grupos do goberno, BNG e ACB, e foi aprobada cos seus votos a favor, en contra do PSOE e a abstención do PP. Félix Juncal, alcalde da vila, defendeu que “fronte ao conformismo masoquista, temos que apostar polo activismo esixente”, e aludiu a que Bueu non é unha vila de segunda, polo que “debemos seguir tendo ambición e demandar que o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVUS) asine un convenio co Concello para a promoción de vivenda protexida, sobre todo porque é moi preocupante a perda de poboación e o prezo á alza do mercado inmobiliario, tanto de compra como de alugueiro”. Conscientes da necesidade de solucionar esta problemática, e dado que a vivenda é unha competencia autonómica, o alcalde e o concelleiro de urbanismo mantiveron hai semanas unha xuntanza co director do IGVUS para tantear a posibilidade de asinar un convenio, para o que o Concello poñería a disposición dous solares que permitirían a construción de preto dun cento de vivendas. Así e todo, a reunión foi “decepcionante” e por iso o goberno local decidiu elevar ao pleno esta moción, que propón esixir á Xunta de Galicia a sinatura dun convenio, e a creación dunha Comisión Especial de Vivenda para abordar este asunto e ir avanzando no mesmo. “O que está claro é que non nos imos resignar e que, tarde ou cedo, Bueu contará cun plan municipal de vivenda”, apuntou Juncal. Pola súa banda, Elena Estévez, voceira do PP, manifestou que o seu grupo compartía a exposición de motivos aínda que non os acordos, e “sorprende que se xa houbo unha reunión co IGVUS na que se manifestou que non é factible a sinatura dun convenio, por que se insiste niso?”. E José Manuel Vilas, polo PSOE, lembrou que “se o BNG leva gobernando tantos anos, chama a atención que xusto agora urxa sacar adiante este tema de forma tan precipitada”.

Por outra banda, saíu adiante cos votos a favor de toda a corporación a moción presentada polo BNG sobre a baixada ao 10% do IVE dos salóns de peiteado, estética e barberías, unha demanda dun sector que se demostrou esencial durante a crise da Covid-19. Así mesmo, tamén se aprobou por unanimidade a proposta do grupo popular para esixir ao goberno central a supresión dos puntos 3 e 4 do artigo 18 da Lei de Cambio Climático.

Xa por último, a moción presentada por BNG e ACB para solicitar a derrogación da 1ª revisión do plano forestal de Galiza contou cos votos a favor de todos os grupos, agás do PP, que se manifestou en contra. Segundo se apunta no texto, o que se busca é elaborar unha proposta na que participen os axentes sociais vinculados ao monte e ao medio rural que fixe poboación fomentando o cultivo de especies con alto valor engadido como poden ser os castiñeiros.

O pleno pode verse na canle de YouTube do Concello de Bueu.

A continuación podedes descargar as mocións: