Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu inicia este sábado as IV Xornadas pola Diversidade Afectivo – Sexual

  • O programa incluirá a lectura dun manifesto, actuacións musicais, coloquios con persoas do colectivo LGBTIQ+ e proxeccións dun filme sobre esta temática

O Concello de Bueu inaugura este sábado, 26 de xuño, as IV Xornadas pola diversidade afectivo – sexual, que se desenvolverán ata o 2 de xullo e que incluirán actuacións musicais, presentacións de libros e iniciativas e cinema. Así, mañá ás 12.00 h terá lugar na Sala Multiusos do Centro Social do Mar (cambiáronse da Praza Massó, onde estaban programadas inicialmente) a presentación de “A roupa non ten xénero” e das restantes iniciativas impulsadas dende o equipo de diversidade do IES Johán Carballeira. A continuación, Nee Barros presentará o libro Identidade, a través do que as persoas asistentes poderán reflexionar sobre conceptos como a identidade e a realidade sexual, ou a liberdade de expresión das persoas. E é que o libro de Nee Barros concíbese coma unha obra de teatro que fala da liberdade, da necesidade de ser e, sobre todo, da identidade, e pivota arredor da pregunta “e se nacemos nun molde equivocado?”.

O luns 28, Día Internacional do Orgullo LGBTIQ+, o recoñecido youtuber boirense Olaxonmario lerá o manifesto conmemorativo desta data na Praza Massó, dando paso despois á proxección do filme “Call Me By Your Name” de Luca Guadagnino, que se poderá ver no Centro Social do Mar ás 21.30 horas con entrada de balde ata completar aforo, coa colaboración do Cineclub Bueu.

O 2 de xullo, a Praza Massó acollerá a actuación“A Drag Pandeireteira” a cargo de Meiga-i, despois da que terá lugar un faladoiro arredor do mundo drag e da súa experiencia persoal. “A Drag Pandeireteira” é un espectáculo que mestura a tradición coa reivindicación, e na que atoparemos espíritos de cantareiras galegas que posuirán á Meiga-i.

Tamén, e como vén sendo habitual, durante esa semana estase a realizar o pintado dun dos bancos da Praza Massó e un taboleiro da diversidade realizado polo artista local Josuha Acuña “Xanbreo”.

Segundo apunta Agustín Gallego, concelleiro de mocidade e infancia, estas xornadas “inciden no papel que deben cumprir as administracións na loita polos dereitos das persoas do colectivo LGBTIQ+ e na visibilización da diversidade”.