O Concello abre o prazo de licitación para o subministro de dous aseos autolimpables

  • O prazo de presentación de ofertas está aberto ata o 8 de xullo e o orzamento ascende a 74.440 €

O Concello de Bueu abre o prazo de licitación para o subministro de dous aseos autolimpables, orzamentado en 74.440 €, IVE engadido. As empresas interesadas en concorrer a este procedemento, financiado con cargo ao Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra, disporán de prazo ata o 8 de xullo.

Os aseos vanse instalar no Paseo de María Eugenia, na contorna do Estaleiro da Banda do Río, e na Praza Massó, na zona próxima ao Concello. Segundo apunta Félix Juncal, alcalde da vila, “trátase dun servizo moi demandado pola cidadanía e que se colocarán en dúas das áreas máis transitadas durante todo o ano, para a súa utilización gratuíta”.

Segundo se establece nos pregos de prescricións técnicas, os aseos serán cabinas autolimpables para uso mixto, antivandálico, cunha superficie útil para usuarios/as de 5,50 metros cadrados, e con materiais homologados, impermeables, non absorbentes, antivandálicos e resistentes ao desgaste. En canto ao material, cada aseo incluirá un inodoro de porcelana, unha barra de apoio mural e abatible, un moble lavamáns, un dispensador para papel hixiénico, unha papeleira, perchas escamoteables para evitar golpes ou accidentes, xerador de ozono para desinfectar, e sistema de ventilación.

Estes baños autolimpables complementaranse con outro de características similares que se ubicaría no entorno do Parque de As Lagoas, no marco dunha subvención coa Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia.

Toda a información sobre o procedemento de licitación pode consultarse na Plataforma de Licitación do Estado, con ligazón dende a web municipal.