O Concello de Bueu impulsará xunto aos propietarios/as o PERI da praia de Beluso
- Esta actuación vai permitir que se consigan máis dotacións locais, como apertura de novos viais, zonas verdes e outros equipamentos
- Con iso preténdese potenciar o valor patrimonial, paisaxístico, medioambiental e turístico desta zona
Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo de Bueu, mantivo esta semana unha reunión cos propietarios maioritarios do PERI da Praia de Beluso, polígono 16, coa intención de retomar e relanzar a bolsa de solo existente nesa zona. O edil móstrase moi satisfeito con esta xuntanza celebrada a petición dos propietarios, cos que xa se tivera unha primeira toma de contacto hai uns anos e que agora se agarda que sexa o empuxe definitivo.
Como acontece con outros polígonos existentes no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), isto vai permitir que se consigan unha serie de dotacións locais, como apetura de viais, zonas verdes e algún equipamento, mellorando así a calidade de vida tanto da veciñanza como das persoas visitantes. “Non se trata dunha actuación que transforme a praia de Beluso, senón que potenciará o seu valor patrimonial, paisaxístico, medioambiental e turístico, ao que engadiremos un incremento do valor socioeconómico do lugar”, apuntan Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Martín Villanueva, concelleiro da área de urbanismo.
Estes propietarios e propietarias teñen a intención de darlle un pulo a eses terreos, conscientes de que é a única alternativa, e para iso solicitarán ao concello o cambio do sistema de xestión a compensación, xa que o PXOM establece que o sistema é o de cooperación. Esta modificación posibilitará que os propietarios e propietarias poidan levar a iniciativa, aínda que sempre coa tutela e acompañamento do Concello. E unha vez iso se realice, o seguinte paso é que este grupo, que representa máis do 60% da propiedade dese ámbito, se formalice como xunta de compensación.
Esta xunta de compensación é o paso firme para que isto se poida levar a cabo, esperando que algún operador externo ou axente urbanizador amose interese na actuación e se faga cargo da xestión de todo o proceso, dada a pouca capacidade que eles poden ter nestes asuntos, “desexando sempre que todo discorra coa máxima transparencia, por iso os propietarios e propietarias entenden que a presenza e asesoramento do concello é fundamental”, apunta Villanueva. Por último, o Concello agarda solucionar tamén algúns dos problemas da praia de Beluso, sobre todo en canto á accesibilidade e seguridade se refire.