Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello adquirirá unha parcela na Chadiza para destinar a área de caravanas e autocaravanas

  • O goberno local incluirá esta compra no marco das subvencións do Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra
  • A parcela consta de 21.161 metros cadrados e permitiría habilitar unha área para estes vehículos cos servizos necesarios antes da próxima tempada estival

O Concello de Bueu adquirirá unha parcela cunha superficie de 21.161 metros cadrados situada no lugar de A Chadiza, na parroquia de Beluso, e que se vai destinar a área de caravanas e autocaravanas, tal e como avanzan Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo.

O consistorio xa está ultimando toda a documentación técnica e administrativa para comprar esta parcela no marco das subvencións do Plan Concellos 2022 da Deputación Provincial de Pontevedra, e a previsión é poder dispoñer xa dela antes do verán, co fin de dotala dos servizos necesarios para as caravanas e autocaravanas. Segundo se desprende do informe emitido polo arquitecto técnico, esta parcela cumpre con todos os condicionantes esixidos para iso, como son: un tamaño adecuado para este tipo de servizos, o acceso rodado a unha vía principal, que facilita a entrada e saída deste tipo de vehículos, a ubicación nunha zona próxima ao centro urbano pero sen xerar problemas de conxestión do tráfico, e a facilidade de conexión aos servizos de saneamento, abastecemento, electricidade e telefonía.

Con esta alternativa, o Concello resolverá un dos problemas que se vén padecendo todos os veráns ante a presenza indiscriminada destes vehículos en zonas non acondicionadas, como o caso de Cabo Udra. Ademais, o goberno local está traballando nunha ordenanza de caravanas e autocaravanas que agarda ter aprobada este ano e que regulará a utilización deste espazo.

Así mesmo, esta parcela tamén permitirá que se incorporen outros usos que sexan plenamente compatibles dende o punto de vista urbanístico dos terreos.