Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello abre o prazo de licitación para as obras de mellora no Pavillón Pablo Herbello e no cemiterio

  • As empresas interesadas en cada un dos proxectos poderán enviar as súas ofertas económicas antes do 14 de marzo
  • Ambas obras están financiadas con cargo ao Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra e supoñerán un investimento total de máis de 300.000 euros

Despois da súa aprobación por parte da Xunta de Goberno Local, o Concello de Bueu abre o prazo para que as empresas interesadas presenten as ofertas para dous proxectos que se financian con cargo ao Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra: as obras de mantemento e mellora da envolvente exterior do Pavillón Municipal Pablo Herbello, e a ampliación de nichos, columbarios e cinseiros no cemiterio de Bueu. As empresas dispoñen de prazo ata o 14 de marzo para remitir as súas ofertas económicas e toda a información pode consultarse na Plataforma de Licitación do Estado, con ligazón dende a web municipal.

O proxecto de mellora do pavillón conta cun orzamento base de 214.450,82 €, IVE engadido, e o que se pretende é reformar a envolvente exterior do edificio, tanto na cuberta como nas fachadas e ampliar a superficie dun local multiusos existente na planta baixa, tendo en conta que o estado actual do edificio presenta un deterioro apreciable. Así mesmo, tamén se levará a cabo a substitución dos ferros exteriores en todos os lucernarios por ferros de policarbonato laminado; a substitución da chapa superposta aos paneis sándwich da cuberta horizontal nas zonas do proxecto orixinal; o cambio de toda a tornillería, adoptando parafusos inox; a substitución e redimensionado das baixantes e as canalizacións horizontais da cuberta ata as fachadas; a limpeza por chorreo e pintado de toda a cuberta; e o tratamento das escachaduras nos piares con protección das armaduras á vista e reparación do formigón con morteiro de alta resistencia, e a selado das carpinterías exteriores.

O goberno local agarda solucionar moitos dos problemas deste edificio que se utiliza para eventos deportivos por parte dos clubs locais, e que foron demandadas por estes nas diversas reunións mantidas tanto co alcalde como co concelleiro de deportes. Estas súmanse a outras actuacións levadas a cabo neste espazo nos últimos anos, como foron a construción dunha pasarela accesible no exterior, a instalación dunha caldeira de pellets, a substitución de luminarias do campo por outras de tecnoloxía LED ou a renovación das bancadas. Estas actuacións supuxeron un investimento total de preto de 250.000 euros pois, “aínda que é unha gran infraestrutura, ten case trinta anos e necesita moitas melloras”, salienta Félix Juncal, alcalde da vila, quen tamén avanza que o Concello vai adquirir un novo vídeo marcador.

En canto ao cemiterio de Bueu, o proxecto está orzamentado en 97.990,82 €, IVE engadido, e supoñerá dotar esta instalación con 108 novos nichos e 52 columbarios nunha ampliación en dous bloques situados a ambos lados da porta principal. Segundo apunta o rexedor, “trátase de recuperar unha zona degradada e mellorar a imaxe do camposanto no pórtico de entrada e cos pavimentos”.