Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu humanizará integralmente a rúa A Pedra

O Concello de Bueu vén de presentar unha solicitude para concorrer a unha subvención por importe de 353.692,31 € da Deputación de Pontevedra ao abeiro do Plan de Remodelación e Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (Plan Depo- Remse), para humanizar integralmente a rúa A Pedra, no que se combinarán dous conceptos fundamentais: o transporte a mobilidade.

O goberno local xustifica este proxecto debido a que esta rúa soporta un alto grao de mobilidade diaria xa que na súa contorna se ubican moitos centros de elevada atracción: o propio CEIP Plurilingüe A Pedra, os dous institutos (Johán Carballeira e Illa de Ons), o centro de saúde e o Pavillón Municipal Pablo Herbello. Isto xera unha gran cantidade de tráfico rodado e peonil nunha rúa cunha estrutura insuficiente para garantir unhas condicións de seguridade viaria e de accesibilidade universal.

Esta reurbanización, implica a renovación completa da rúa e o levantado de toda a pavimentación, aproveitando para facer unha actualización e modificación das redes de abastecemento e saneamento existentes. Mellórase o acceso e circulación de persoas con mobilidade reducida e auméntanse os anchos das beirarrúas, suprimindo tamén as barreiras arquitectónicas. Completarase a actuación coa instalación de mobiliario urbano e arborado. Con iso, o goberno local pretende priorizar o uso do espazo público por parte de toda a cidadanía e lograr un maior ordenamento e mobilidade.