Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu homenaxeou á Asociación de Mulleres Rurais polos seus trinta anos de vida

  • O acto tivo lugar no marco das actividades organizadas polo Día Internacional das Mulleres
  • Alumnas do IES Johan Carballeira leron a declaración a favor dos dereitos laborais das traballadoras

O Concello de Bueu homenaxeou este venres á Asociación de Mulleres Rurais, colectivo que celebra trinta anos de vida. Coincidindo co Día Internacional das Mulleres, dende a concellaría de igualdade organizouse un acto institucional no que participaron o alcalde e concelleiras e concelleiros da corporación, ademais das propias integrantes deste colectivo de mulleres, que recibiron un cadro artístico elaborado pola Asociación Juan XXIII de Cangas.

Ascensión Riobó, presidenta da asociación, lembrou as orixes e salientou que “fixemos de todo, aprendemos moito e sobre todo compartimos tempo”. Algunhas destas actividades que organizaron e promoveron nestes anos foron cursos formativos (de cociña, de pintura, de informática, de tapicería…), festas de entroido, concursos de filloas…E máis recentemente deron un paso adiante e comezaron a propoñer outras actividades “que nos animan”, como talleres de autoestima, de emocións, de teatro…

Pola súa banda, Félix Juncal, alcalde da vila, destacou “o traballo que levades a cabo por e para as mulleres de forma discreta”, e aludiu a que “esta asociación representa e lembra ás nais e avoas que tanto fixeron por nós”. Na mesma liña interveu Laura Ogando, concelleira de igualdade, quen animou á asociación “a que sigades con esa forza e solidariedade entre mulleres”.

Pero non foi o único acto organizado, senón que a Praza do Concello acolleu previamente unha concentración na que o alumnado do IES Johan Carballeira deu lectura á declaración a favor dos dereitos laborais das traballadoras. As encargadas de facelo foron Leire Fernández Regueira,  Uxía Gil Calviño,  Daniela Gil Punzano e Lucía Peixoto Riobó, de 4º da ESO. Nas súas intervencións incidiron en que “este día sexa unha homenaxe para todas aquelas mulleres que loitaron e loitan día a día por alcanzar unha realidade na que todas as persoas gocemos dos mesmos dereitos e oportunidades, e formemos parte dunha sociedade xusta e equitativa”. Por iso incidiron no reparto de tarefas no fogar, na segregación laboral, na presenza de mulleres nos medios de comunicación e nos parlamentos, na fenda salarial… e fíxose un chamamento para “promover a igualdade os 365 días do ano, para que deixe de ser un espellismo e, nun futuro próximo, a igualdade entre mulleres e homes sexa unha realidade”.

Podedes ler o texto completo aquí:

III Paseo da Muller, cinema e máis actividades

As actividades conmemorativas desta data continúan ao longo da xornada.  O Centro de Saúde de Bueu acollerá unha mesa violeta con información e resposta de dúbidas, e tamén se desenvolverá baixo a organización da Asociación Galaicas o III Paseo da Muller. Baixo o lema “Diferentes, pero iguais”, programaranse diversas actividades, entre as que destaca o Circuíto de dous quilómetros en forma de 8M que sairá dende o Centro Social do Mar e con acreditación finisher para todas as que o rematen. Ademais, haberá sesións de zumba ás 19.30 e 20.45 horas, e ás 20.30 h sairá a II Milla da Muller, cun percorrido que partirá do Centro Social do Mar e irá ata a punta do peirao con volta ao inicio.

Xa despois, ás 21.30 horas, coa colaboración do Cineclub, proxectarase a película A Número Un, que se poderá ver de balde  no Centro Social do Mar. Dirixido por Tonie Marshall, o filme conta a historia de Emmanuelle Blachey, unha brillante enxeñeira que conseguiu entrar no comité executivo da súa empresa e que busca conquistar a dirección dunha importante empresa que cotiza en bolsa, pero nese camiño toparase con moitos atrancos xa que as esferas do poder aínda continúan dominadas por homes. A través desta historia reflexiónase sobre o teito de cristal ou as desigualdades entre homes e mulleres no mundo empresarial.

Amais destas actividades, dende a concellaría de igualdade estanse a organizar dende o 19 de febreiro obradoiros de publicidade non sexista nos centros educativos, que buscan analizar o sexismo existente na publicidade e reflexionar sobre a cousificación do corpo da muller e os papeis masculinos e femininos baseados en estereotipos.

Para as máis lectoras ponse en marcha un taller de lectura arredor do libro Póker de D(r)amas, no que se recompilan os relatos gañadores dos Premios Matilde Bares. As mulleres que desexen participar deberán inscribirse nas dependencias do Centro de Información ás Mulleres ou no enderezo electrónico cim@concellodebueu.gal, e entregaránselles libros para a lectura.