O Concello de Bueu homenaxea a Toñi Vicente pola súa profesionalización da cociña
- No acto, celebrado este xoves no salón de plenos, púxose en valor a esta muller pioneira na profesionalización da cociña e na visibilización feminina na hostalaría
- Un total de dezaseis locais de hostalaría da vila participan nas ‘II Xornadas Gastronómicas en Feminino Bueu’, que se se desenvolven dende este xoves e ata o domingo
O salón de plenos do Concello de Bueu acolleu este xoves pola tarde unha homenaxe a Toñi Vicente, muller pioneira na profesionalización da cociña e na visibilización feminina na hostalaría. No acto, organizado polo Concello de Bueu e a Asociación de Hostalaría da vila no marco das II Xornadas en Feminino Bueu, participaron o alcalde Félix Juncal, e algúns concelleiros e concelleiras da corporación e representantes da hostalaría local.
Toñi Vicente, que foi agasallada cunha figura de Rosalía de Castro de Sargadelos, mostrouse moi agradecida por esta homenaxe e dedicoulla “a todas as mulleres xenerosas que nos deixaron un legado”. Ademais, destacou que “a cociña é coñecemento, amor e sentimento, e os aromas das comidas das nosas avoas permanece na nosa memoria”. A súa intervención rematouna animando “ás novas xeracións a ter en conta estas xornadas que poñen en valor a nosa gastronomía, ao tempo que nos permiten compartir e salientar a diversidade da cociña”.
Pola súa banda, o alcalde definiu a Toñi Vicente como “unha muller que representa a cociña tradicional e a todas esas mulleres galegas que evolucionaron cara a vangarda, polo que é unha homenaxe moi xusta e merecida”.
Despois desta homenaxe, a cociñeira tomiñesa estivo no 2º andar da Praza de Abastos de Bueu para presentar, coa colaboración da Libraría Miranda, o seu libro A miña cociña, nun acto no que tamén participou o hostaleiro bueués Antonio Rosales.
Toñi Vicente (Tomiño, 1953) é unha das cociñeiras galegas máis destacadas. As súas lembranzas lévana aos 7 anos, cando xa andaba nos fogóns coa súa nai Antonia, no restaurante familiar Casa Delmiro, situado no lugar tomiñés de Ponte do Muíño. Na súa traxectoria, iniciada no 1960, destacan varios recoñecementos e premios: Premio “Galicia en feminino 2004” da Xunta de Galicia no apartado de creatividade, Medalla de Plata de Galicia concedida polo Consello da Xunta de Galicia no 1997, Premio Nacional de Gastronomía á mellor xefa de cociña dese mesmo ano da Academia Nacional de Gastronomía, e conta con dúas Estrelas Michelín. Ademais, a súa cociña foi loada por personalidades como Camilo José Cela ou Margaret Tatcher.
II Xornadas Gastronómicas En Feminino Bueu
A iniciativa, organizada polo Concello de Bueu, a Asociación de Hostalaría de Bueu, e Fecimo e busca visibilizar o papel das mulleres cociñeiras, que constitúen máis do 80% das cociñas de restauración, ademais de seguir dinamizando a gastronomía da vila, que é unha das máis potentes da comarca.
Os locais hostaleiros que participarán este ano son Pyramis, Volver, Casa Quintela, O Ratiño, Noite Tapas, Morriña, O Farol, Esmorga, Centoleira, Casa Videira, Buena Vibra, Baiuca, Aturuxo, Zarzamora, Magic e A Cepa, que ofrecerán tanto ao mediodía como á noite tapas a un custe de 3.50 €, nas que expresarán o seu coñecemento da cociña de Toñi Vicente. Na páxina web e nas redes sociais do Concello pódense ver as tapas propostas por cada local, as descricións e o horario de servizo.