Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu homenaxea á mestra Raquel Álvarez e concéntrase para reivindicar a igualdade

  • O Concello organizou un recoñecemento público a esta veciña bueuesa que vén de ser galardoada nos VII Premios Sofía Novoa con Perspectiva de Xénero da Deputación de Pontevedra
  • A declaración institucional do Concello incide na necesidade dunha resposta coordinada que integre a perspectiva de xénero en todas as accións

O Concello de Bueu comezou este mércores, 8 de marzo, a programación polo Día Internacional das Mulleres, cunha charla e recoñecemento á veciña Raquel Álvarez Martínez e unha concentración feminista na que participaron concelleiros e concelleiras da corporación municipal ademais de colectivos e veciñanza en xeral.

O salón de plenos acolleu ás 19 horas unha charla coa mestra Raquel Álvarez Martínez, veciña galardoada nos VII Premios Sofía Novoa de perspectiva de xénero da Deputación de Pontevedra, polo traballo de fin de mestrado “O traballo por proxectos e o álbum ilustrado para promover a igualdade de xénero en educación infantil”. No inicio do acto interveu Ana Isabel Otero, concelleira de benestar social e igualdade, quen salientou que “é importante que tratemos a igualdade xa dende a infancia, porque é unha etapa crucial na formación de ideas e valores”. Pola súa banda, Félix Juncal, alcalde da vila, engadiu que “estes días son moi especiais porque nos fan ver, unha vez máis, que as mulleres poden cambiar o mundo en positivo”.

Álvarez Martínez explicou ás persoas asistentes este proxecto, que é unha intervención baseada na simbiose destes instrumentos e xéneros como metodoloxía idónea para abordar as cuestións de xénero e promover a igualdade en 5º de Educación Infantil.  A mestra, que fixo este traballo no CEIP Montemogos de Beluso, salientou que “a educación en igualdade debería ser máis prolongada no tempo e en todas as fases”. Ao remate do acto entregóuselle un cadro elaborado pola Asociación Juan XXIII de Cangas, no que se transmiten os valores da co educación.

A continuación, ás 20 horas, tivo lugar na Praza do Concello a concentración feminista na que a concelleira de igualdade deu lectura á declaración institucional do Concello con motivo desta data, na que se mostrou a preocupación ante oaumento da fenda de xénero por mor da destrución e das altas taxas de emprego temporal nas mulleres, a necesidade dunha resposta coordinada que integre a perspectiva de xénero como fío condutor no deseño de solucións que contribúan a diminuír a crise económica e social que prexudica claramente ás mulleres. Así mesmo,a declaración avanzou “o firme compromiso para continuar, dentro das nosas competencias, a promover accións e proxectos que fomenten a igualdade e, concretamente, a iniciar nos próximos meses os trámites necesarios para o nomeamento dunha praza ou espazo público como Praza das Mulleres”.

Máis actos o venres

Os actos continuarán o venres 10 de marzo na Sala Multiusos do Centro Social do Mar coa presentación do libro Así fala Penélope. Unha antoloxía de xénero de Marta Dacosta, no que tamén está previsto un recital poético coa poeta bueuesa Lucía Novas e un grupo de alumnas do IES Johan Carballeira de Bueu. Así fala Penélope é un traballo de Marta Dacosta dirixido a todo tipo de lectoras e lectores –pero especialmente a rapazada– que nos dá unha perspectiva única e contextualizada de máis de corenta poetas, desde Xohana Torres e María Xosé Queizán a Olga Novo ou Paula Luís. A proposta é un apaixonado percorrido que Dacosta propón a través da escrita contemporánea das mulleres galegas. Trátase dun proxecto inédito: unha antoloxía de xénero onde os nomes e as cronoloxías trenzan un relato comunal con poemas que nos descobren como elas, con frecuencia, recoseron as palabras usadas para facelas lucir dun xeito distinto ou como, as máis das veces, optaron polas teas novas. O resultado é unha selección que visualiza autoras, reivindica a literatura e lle ofrece á rapazada unha esixente panorámica da poesía desde finais do século XX ata hoxe.

Ese día, ás 21 horas, no Auditorio do Centro Social do Mar proxectarase o filme The Assistant, da man do Cineclub Bueu, con entrada de balde ata completar capacidade.  O filme conta a vida de Jane, graduada universitaria e aspirante a produtora de cine, quen consegue un traballo aparentemente ideal pero rapidamente é sometida a abusos na súa xornada laboral, descubrindo un sistema machista que violenta continuamente as mulleres.