Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Club do Mar Bueu – Simei e o Concello de Bueu organizan este domingo a XIII Bandeira de Bateis

  • A proba tomará saída do peirao bueués ás 11.00 h e nela agárdase a participación de máis dun cento de embarcacións
  • O percorrido sairá do peirao de Bueu cara a zona da Robaleira, variando as distancias segundo as categorías

O Club do Mar de Bueu – Simei e o Concello de Bueu, organizan este domingo, 12 de marzo, a XIII Bandeira de Bateis, unha regata na que se agarda a participación de máis dun cento de embarcacións. Así o apuntou Javier Pazos, membro da directiva do club, na rolda de prensa que se celebrou este mediodía, e na que tamén estiveron presentes Félix Juncal, alcalde de Bueu e Ricardo Verde, concelleiro de deportes. Neste sentido, o alcalde e o edil recoñeceron o traballo do Club por potenciar o deporte do remo entre as mulleres que cada vez teñen maior presenza, pois “é importante reivindicar os seus espazos en todos os ámbitos da vida, tamén no deporte, que debe ser un referente de igualdade e valores”.

Esta actividade, que xa vén sendo unha proba clásica no calendario de regatas de Bateis da Zona Sur, terá o formato de regata en liña, en quendas lanzadas na mesma categoría, cun minuto de intervalo, e con cinco minutos entre as distintas categorías. O percorrido sairá dende o peirao de Bueu cara á praia da Robaleira, e as distancias variarán segundo as categorías, que son Alevín Feminina, Infantil Feminina, Cadete Feminina, Xuvenil Feminina e Absoluta Feminina; e Alevín Masculino, Infantil Masculino, Cadete Masculino, Xuvenil Masculino e Senior Masculino.

A organización agarda a participación de máis dun cento de embarcacións dos clubs Samertolameu, Tirán, Chapela, Virxen da Guía, Vila de Cangas, Coruxo, Cesantes, Robaleira, Amegrove, Mecos, Vilaxoán, Bueu e Cabo de Cruz que virán como convidados. Deles, 41 barcos son de categorías femininas, e 61 das masculinas.

Tal e como se establece no regulamento, as traiñeiras gañadoras nas categorías masculina e feminina faranse cunha bandeira conmemorativa da proba, para os clubes que acaden maior puntuación nas diferentes regatas. Así mesmo, haberá medallas para os barcos clasificados en cada categoría.