O Concello de Bueu felicita ao equipo de xuvenís da ADFS Bueu polos éxitos deportivos desta tempada
- O alcalde e algúns concelleiros e concelleiras da corporación municipal recibiron este mércores pola noite aos rapaces no salón de plenos da Casa do Concello
- Félix Juncal destacou a capacidade de esforzo do equipo e da directiva e salientou que “o deporte debe ser sempre unha referencia ao longo das nosas vidas”
O salón de plenos do Concello de Bueu acolleu este mércores, 15 de xuño, un recibimento oficial ao equipo de xuvenís da Agrupación Deportiva Fútbol Sala Bueu (ADFS Bueu), aos que a corporación municipal quixo dar os parabéns polos éxitos deportivos acadados nesta tempada. Concretamente, baixo o adestramento de Marta De La Torre, o equipo quedou subcampión de liga e de copa, e acadou o ascenso á Liga Galega. Precisamente, Emilio Dopazo, presidente do colectivo, destacou “a tempada impresionante e o esforzo enorme que fixeron todos ao longo dos adestramentos”.
Félix Juncal, alcalde da vila, fixo fincapé no traballo de todo o equipo e da directiva, “que fan que o deporte en Bueu goce de tan boa saúde”. Así mesmo, o rexedor mostrou a emoción e o orgullo ante estes logros que demostran que “o deporte debe ser sempre unha referencia ao longo das nosas vidas”.
Xa ao comezo do acto, dende a ADFS Bueu agasallaron ao alcalde cun cadro no que se representaba a bandeira de Bueu, “cuxo nome levamos sempre con nós”, destacaron dende a directiva. Pola súa banda, o alcalde e os concelleiros e concelleiras asistentes fixéronlles entrega duns diplomas aos integrantes do equipo, concretamente a Ángel Cerviño Porto, Antón Gómez Coya, Antonio Quintela Nantes, Cian Pérez Ferradás, David Dopazo Otero, Diego Vázquez Otero, Eloy Soage Sanmartín, Fernando Menduíña Soage, Javier Fernández Mariño, Jorge Portela Rodríguez, Marco Fervenza González, Marcos Pastoriza Núñez e Samuel Alonso Carracelas. Ademais deles tamén recibiron diploma a adestradora Marta de la Torre e o presidente da ADFS Beu, Emilio Dopazo, quen tamén recolleu unha bandeira de Bueu.
Ao acto asistiron, ademais do alcalde, os concelleiros do goberno Julio Villanueva, Xosé Leal e Ricardo Verde, e do PP, Elena Estévez, María Blanco e Jesús Ángel Rodríguez. Así mesmo, tamén estiveron presentes membros da directiva do club e das familias, e un representante da empresa patrocinadora Roslev.