Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Portos de Galicia anuncia dúas actuacións de mellora no peirao de Bueu e o alcalde reivindica «unha actuación de rexeneración da fronte marítima»

  • A presidenta do ente público anunciou nunha visita á vila morracense un investimento total de 314.000 para o proxecto de mellora de accesibilidade e para a ampliación da nave de redes
  • O alcalde de Bueu salienta que “son dúas actuacións importantes para Bueu e confiamos en que sexan só o comezo, pois no Concello levamos máis de vinte anos reclamando un proxecto ambicioso de rexeneración de toda a fronte marítima”

Félix Juncal, alcalde de Bueu, asistiu este xoves á visita que a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, realizou á contorna da nave de redeiras do peirao da vila para presentar dous proxectos que se van acometer proximamente neste espazo.

O ente público anunciou que comezou o procedemento de licitación de dúas obras previstas para o peirao bueués. Concretamente, a presidenta presentou dous proxectos de mellora da accesibilidade ao peirao de pasaxe e na rúa Montero Ríos, así como o acondicionamento da nave de redes. Ambas licitacións supoñen un investimento previsto de 340.000 euros, “o que demostra o compromiso do ente público cun dos portos de maior relevancia da provincia de Pontevedra”, subliñou Susana Lenguas.

Sobre as obras de mellora da accesibilidade ao peirao de pasaxeiros e na rúa Montero Ríos, cun orzamento de 215.000 euros, a presidenta de Portos explicou que incluirá a ordenación do tráfico rodado na vía, a dotación de aparcadoiros para persoas con discapacidade e a habilitación de sendas peonís. Para o acceso ao peirao de pasaxeiros proxéctase un camiño de formigón de 82 metros de longo por dous de largo, protexido por morróns e unha varanda.

En canto á nave de redes, executarase unha ampliación dos espazos para dotala de novas zonas de almacenaxe e traballo para a reparación das redes existentes, atendendo ás necesidades actuais. Para iso construirase un módulo adicional e habilitarase un gran lucernario central coa finalidade de permitir a entrada de luz natural. O orzamento desta actuación é de máis de 120.000 euros.

Félix Juncal salientou que “son dúas actuacións importantes para Bueu e confiamos en que sexan só o comezo, pois no Concello levamos máis de vinte anos reclamando un proxecto ambicioso de rexeneración de toda a fronte marítima”, así que “agardamos estar pronto nese mapa de concellos que merecen actuacións importantes por parte de Portos de Galicia”.

Á visita tamén asistiron os concelleiros do goberno Xosé Leal e Silvia Carballo, a voceira do PP, Elena Estévez, e o patrón maior da Confraría de Pescadores San Martiño de Bueu, José Manuel Rosas.