O Concello de Bueu exixirá unha solución á Xunta de Galicia ante a problemática dos cabalos soltos na aldea de Ermelo
- Responsables do grupo de goberno mantiveron este venres un encontro coa veciñanza para coñecer esta situación que se repite dende hai varios anos
O Concello de Bueu remitirá proximamente ás Consellarías de Medio Ambiente e Medio Rural da Xunta de Galicia un escrito exixindo que se poña solución ante problemática de cabalos soltos que están padecendo no lugar de Ermelo. Así o apuntou Félix Juncal, alcalde de Bueu, durante a reunión que tivo este venres ao mediodía coa veciñanza do lugar, e na que tamén estiveron presentes Xosé Leal, concelleiro de cultura e medio ambiente, Ricardo Verde, encargado da área de deportes e sanidade, e Alberto Moital, que leva patrimonio, bibliotecas e arquivo.
O escrito parte da preocupación que sente a propia veciñanza do lugar, ante os cabalos salvaxes procedentes dos montes que baixan á aldea (téñense avistado ata un total de vinte), destruíndo as propiedades privadas, derrubando os peches das fincas, deteriorando as colleitas, e supoñendo un perigo en caso de accidentes de circulación. Ante isto, dous veciños da zona, Ángel Carracelas e Manuel Barreiro, dirixíronse ao Concello para reivindicar que se traslade este escrito á Xunta, pois consideran que “este problema repítese dende hai varios anos e xa non aguantamos máis”. Así mesmo, con máis de vinte e cinco sinaturas das persoas residentes en Ermelo, reclaman unha atención xusta por parte das autoridades competentes, porque, salientan, “non queremos ser responsables destes animais e dos accidentes que poidan provocar”.
Ángel Carracelas, un dos impulsores desta loita, declara que “hai 15 días apareceu aquí unha manda duns quince cabalos, e cando chamamos ao 012 para avisar, case nos vacilaron”. A veciñanza considera que debería ser o servizo do Seprona o que dese solución a este problema que arrastran dende hai anos e que tanto dano fai ás colleitas e propiedades das persoas alí residentes. Por iso, dende o Concello ofreceuse a oportunidade de enviar un escrito coas sinaturas de apoio e fotografías nos que se reclamará unha solución inmediata por parte da Xunta de Galicia, ante o que se considera “un feito cada vez máis recorrente e ante o que o ente autonómico non ofrece alternativas”.