O Concello de Bueu entrega este sábado os Premios Johán Carballeira

  • O acto celebrarase ás 12.30 h na Sala Domínguez Búa e nel premiarase a Arancha Nogueira, gañadora na categoría de poesía, e a Aser Álvarez, na de xornalismo

O Concello de Bueu organiza este sábado, 17 de agosto, o acto de entrega dos Premios Johán Carballeira de xornalismo e poesía, que se celebrará a partir das 12.30 h na Sala de Exposicións Amalia Domínguez Búa. Nel participarán os gañadores do certame este ano, concretamente Arancha Nogueira, que resultou premiada na categoría de poesía con O silencio das gaivotas, e Aser Álvarez, na de xornalismo coa reportaxe “Ferrín e a poesía do circo”.

O poemario de Nogueira será publicado proximamente na colección de poesía da Editorial Xerais e, segundo o xurado, destaca polo“hábil manexo da sinxeleza e da tenrura, coherencia estrutural dunha historia áxil e luminosa que é quen de conmover pero tamén de deitar achados poéticos”. Destacable é tamén a “honestidade da proposta autorial e a verdade da escrita, e os eixes temáticos aluden a unha revisión do mundo infantil, contemplado desde o rescate do paraíso perdido e do que se conserva del”.

No caso de Aser Álvarez, o xurado salientou este “produto xornalístico que destaca pola súa orixinalidade e estrutura, así como pola relación que establece entre circo, teatro e literatura, ao mesmo tempo que sobresae na combinación de xéneros periodísticos”.

Este certame naceu nos anos 90 coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira.