O Concello de Bueu celebrou este sábado o acto de entrega dos Premios Johán Carballeira

  • A Sala de Exposicións Domínguez Búa recibiu a Arancha Nogueira, gañadora na categoría de poesía, e a Aser Álvarez, na de xornalismo
  • Xosé Leal, concelleiro de cultura, destacou que “é unha honra lembrar con este acto humilde e emotivo o Día da Galiza Mártir”

Este sábado, 17 de agosto, coincidindo co Día da Galiza Mártir, o Concello de Bueu celebrou o acto de entrega dos Premios Johán Carballeira, que tivo lugar na Sala Domínguez Búa. Nel participaron os gañadores do certame este ano, concretamente Arancha Nogueira, que resultou premiada na categoría de poesía con O silencio das gaivotas, e Aser Álvarez, na de xornalismo coa reportaxe “Ferrín e a poesía do circo”.

Xosé Leal, concelleiro de cultura, salientou que “entendiamos que tiñamos que celebrar este acto tal día coma hoxe, pois Johán Carballeira é un dos nosos mártires”, ao tempo que lembrou a importancia “de facer memoria e promoción da nosa lingua a través dos premios literarios”. Pola súa banda, Félix Juncal, alcalde de Bueu, destacou que “para o Concello, apadriñar e promover proxectos culturais é moi estimulante e gratificante, e máis cando gozan dunha longa vida”.

Arancha Nogueira, premiada na categoría de poesía, fixo fincapé na importancia da convocatoria de premios coma estes que fomentan espazos para que a xente máis nova poida crear. A ourensá lanzou un desexo ao aire: “oxalá que algún día escribir en galego non sexa un acto militante”. O poemario de Nogueira será publicado en febreiro de 2019 na colección de poesía da Editorial Xerais e, segundo ela, trata sobre as olladas infantís que temos dos nosos modelos adultos, e tamén “sobre a familia e a todas as persoas que escollemos de maiores e que nos axudan a facer camiño”.

Aser Álvarez, quen resultou gañador na categoría de xornalismo cunha reportaxe sobre Xosé Luís Méndez Ferrín, fixo unha mención especial a “Quico Cadaval e o propio Ferrín, pois sen eles non tería xurdido este texto que derruba fronteiras entre xéneros e reivindica ese non lugar, esa fronteira onde acontecen as cousas interesantes da vida”. O premiado lembrou tamén a figura de Alexandre Bóveda que foi asasinado por defender a lingua e o país.

Este certame naceu nos anos 90 coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira.