O Concello de Bueu entrega este domingo os Premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo
- A gala terá lugar ás 12.00 horas no Centro Social do Mar e contará coa música da cantautora Sheila Patricia
- O acto contará coa presenza de Miguel Sande, gañador na categoría de poesía, e de Antía Yáñez, na de xornalismo
O Concello de Bueu celebrará este domingo, 22 de maio, a gala de entrega dos Premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo, que se desenvolverá ás 12 horas no Centro Social do Mar. Co acompañamento da música de Sheila Patricia, o Concello de Bueu entregará os premios a Miguel Sande, gañador este ano na categoría de poesía coa obra Brinde e desespero, e a Antía Yáñez, que se fixo co galardón na categoría de xornalismo coa crónica “A saúde mental en Galicia, en bragas”, publicada na revista Luzes.
Os premios, dotados con 1.500 euros en cada categoría, naceron coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira, quen tamén fora alcalde de Bueu ata o seu asasinato a mans dos franquistas.
Xosé Leal, concelleiro de cultura, será o encargado de guiar este acto, no que tamén se presentará o espectáculo “Bebedeira”, no que Sheila Patricia musica algúns poemas de Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado nas Letras Galegas deste ano. Pasando polos ritmos populares, a rumba ou o son veracruceño mexicano e os diferentes ritmos que impregnan a musicalidade da obra de Florencio Delgado, Sheila Patricia pon voz ao autor valdeorrés coa xenuína visión que caracteriza á artista, de conexión entre Latinoamérica e a Galiza. En formato solitario, coa súa guitarra, loops e sintetizadores outorga unha frescura que se fai sentir en paralelo coa mensaxe do homenaxeado.
‘Letras galegas e colectivas’
O Concello de Bueu celebra este ano as ‘Letras galegas e colectivas’, cun programa que se estende ao longo do mes e que inclúe contacontos, obradoiros, concertos musicais, romarías e cinema, e no que colaboran diversos colectivos veciñais que levan os actos ás tres parroquias.
Así, durante esta fin de semana haberá actividades en Cela e Meiro. O sábado a partir das 17.30 horas, a Asociación Cultural Costumes de Cela organiza un festival no Eirado de Cela. Alí terá lugar a representación teatral de “Sabela e o paxaro máxico” da compañía Tarabelos Teatro. Despois entregaranse os premios do concurso de microrrelatos e de debuxo, e rematará a xornada coa actuación do grupo tradicional Retrouso, e coa animación e xogos tradicionais para a cativada a cargo de Barafunda Teatro. Da man da Asociación Veciñal A Morada celebraranse as Letras Galegas na Casa da Aldea de Meiro o domingo 22 de maio a partir das 19 horas, cando terá lugar a presentación do libro Peroxo. Un rapaz de aldea, a cargo do autor Luís Chapela e o libreiro Fernando Miranda. Despois será o recital poético con micro aberto, seguido dunha actuación a cargo dos grupos locais Palleta Mollada e Os Mulos, e rematarase con degustación de petiscos.
E ata finais de mes continúa o “Ciclo de Cinema Galego”, co que o Cineclub Bueu nos trae cinema galego todos os venres ás 21 horas. Así, este 20 de maio será a quenda de “Virxe roxa” de Marcos Nine, e o 26, “Eles transportan a morte” de Helena Girón e Samuel M. Delgado.