Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu celebrou a gala dos Premios Johan Carballeira, unha reivindicación da memoria e das palabras

  • O acto contou coa presenza de Miguel Sande, gañador na categoría de poesía, e de Antía Yáñez, na de xornalismo
  • Félix Juncal, alcalde da vila, destacou o “compromiso do Concello de Bueu coas ideas e coas palabras, que son máis importantes ca nunca”

O Concello de Bueu celebrou este domingo, 22 de maio, a gala de entrega dos Premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo, que tivo lugar ao mediodía no Centro Social do Mar, e que contou coa música da cantautora Sheila Patricia. Nela, Miguel Sande, gañador na categoría de poesía, e Antía Yáñez, na de xornalismo, recibiron unha cerámica de Carballeira deseñada por Cavalinho do Demo, ademais dun lote de libros.

Sheila Patricia abriu o acto coa súa música, e a continuación interveu Xosé Leal, concelleiro de cultura, quen destacou que “o que sementou Johan Carballeira segue medrando e por iso celebramos este premios”. Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johan Carballeira, aludiu a que “escribir en galego é case un acto de resistencia” e por iso “é importante a aposta dun concello que segue mantendo a reivindicación pola lingua e a memoria histórica coma un facho aceso”.

Miguel Sande, que recibiu o premio de poesía polo “Brinde e desespero” explicou que o poemario é un canto ao día a día, aos detalles cotiáns, e destacou que “este certame ten moito prestixio, como demostran a cantidade de traballos que se presentan ano tras ano e a nómina de gañadores e gañadoras destas vinte e cinco edicións”. Así mesmo, Sande reivindicou a poesía como forma de vida, “é ese pouso que deixan en nós as sensacións e o que queda das emocións”, e tivo tamén unha lembranza ao mar e ás  súas xentes pois, tal e como contou, “a miña primeira reportaxe como xornalista foi sobre un barco desaparecido en Beluso hai case corenta anos”.

Antía Yáñez, premiada na categoría de xornalismo por “A saúde mental en Galicia, en bragas”, explicou que “é unha crónica das cousas que vivira eu mesma ao longo dos anos e que complementei con profesionais e pacientes, co fin de poñer de manifesto a precariedade do Sergas con respecto á saúde mental”.

Os premios, dotados con 1.500 euros en cada categoría, naceron coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira, quen tamén fora alcalde de Bueu ata o seu asasinato a mans dos franquistas.  A iso aludiu Félix Juncal, alcalde de Bueu, na súa intervención, na que destacou “o compromiso do Concello de Bueu coas ideas e coas palabras, que son hoxe máis importantes ca nunca”. Juncal lembrou que “a poesía e o xornalismo foron as canles que lle serviron a Johan Carballeira para loitar a prol das causas xustas”, e rematou aseverando que “despois de vinte e cinco anos da categoría de poesía e de dezanove na de xornalismo, podemos dicir que estes premios están a cumprir co que daquela eran os nosos obxectivos: fomentar a creación en lingua galega e honrar ao que foi o noso alcalde Johan Carballeira, por certo, represaliado a mans dos fascistas”.

Sheila Patricia foi a encargada de pechar este acto co espectáculo “Bebedeira”, no que musicou algúns poemas de Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado nas Letras Galegas deste ano.