Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O alcalde de Bueu visita a EDAR de Cabalo e confirma o seu bo funcionamento

  • O Concello organizará visitas guiadas para as persoas que queiran coñecer as instalacións da Estación Depuradora de Augas Residuais

Félix Juncal, alcalde de Bueu, visitou este mércores as instalacións da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) situada en Cabalo, onde comprobou o seu bo funcionamento. O rexedor aproveitou a visita da responsable da consultora Adantia, que é a que realiza as inspeccións trimestrais das depuradoras para Augas de Galicia e aproveitou para intercambiar opinións sobre esta instalación, tamén coa xefa do servizo de FCC Aqualia.

Juncal destaca que “o funcionamento da EDAR é correcto, máis alá de cuestións puntuais”, como pode ser a posta en marcha do equipo de desinfección UV e o punto de vertedura. Neste sentido, o rexedor xa lle trasladou á responsable da empresa que é necesario realizar o mantemento da planta de funcionamento terciario, co fin de testalo de cara á futura posta en marcha, e tamén se vai xestionar a autorización do punto de vertedura. Así mesmo, dende Aqualia renováronse as aspas dun dos reactores da depuradora para mellorar a aireación con maior aporte de osíxeno á auga, co que se reducen as partículas de nitróxeno.

Por outra banda, dende a concellaría de medio ambiente organizaranse proximamente unha serie de visitas guiadas para que as persoas que o desexen poidan coñecer as instalacións e o funcionamento da EDAR porque, en palabras do alcalde, “a auga cada vez será un ben do que falaremos máis dada a súa escaseza no mundo”. O obxectivo destas visitas é divulgativo e tamén de concienciación social.