Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu continúa co programa de apoio psicolóxico a menores

  • Este servizo está subvencionado polo Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020 da Xunta de Galicia

Dende o Departamento de Benestar Social do Concello de Bueu desenvólvese un ano máis o servizo de atención psicolóxica á/ao menor, subvencionado polo Programa Operativo FSE Galicia 2014-2020 da Xunta de Galicia. Este servizo estará dispoñible ata outubro, e con el actuarase en tres ámbitos: educación e apoio familiar, reforzo socioeducativo para menores, e formación adaptada.

Así, fomentarase a adquisición de competencias e habilidades educativas para as familias en risco de exclusión social e de forma especial as/os menores, así como o fortalecemento da xestión emocional, a integración e participación na vida comunitaria e a prevención de situacións que provoquen vulnerabilidade ou risco social ás familias. No ámbito socioeducativo, levaranse a cabo labores de orientación e apoio ao alumnado para previr o fracaso escolar e o abandono prematuro da etapa de escolarización obrigatoria, así como reducir o absentismo e facilitar a transición entre a educación primaria e secundaria. Por último, tamén se buscará reducir a vulnerabilidade das persoas en risco ou exclusión social con baixa cualificación.

As persoas interesadas deben chamar ao Departamento de benestar social (886 12 48 16) ou ben enviar un correo electrónico a benestarsocial@concellodebueu.gal.