Os Concellos do Morrazo únense aos actos polo Día do Autismo
-
A Casa Consistorial de Bueu aluméase de azul como mostra de apoio á visibilización desta doenza
Este martes, 2 de abril, celébrase o Día Mundial do Autismo, e por iso os concellos do Morrazo colaboran nos diversos actos organizados por toda a comarca ao longo desta semana pola Asociación Autismo Morrazo e a Aspansim.
Ao longo desta xornada tiveron lugar diversos eventos de visibilización desta enfermidade. As fachadas das Casas Consistoriais prendéronse de azul e os colexios da comarca leron un manifesto, no que demandan aos líderes políticos que, entre outras cuestións, promovan a total implementación da Convención da ONU sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, que tomen accións respecto á Declaración Escrita sobre Autismo do Parlamento Europeo, que apoien medidas a fin de eliminar barreiras, ou que fomenten un plan de investigación…
O mércores, o salón de plenos do Concello de Bueu acollerá a charla “Autismo Educación e Inclusión”, que será impartida por Luís Pérez Rivas a partir das 18.30 horas.
Por último, no Concello de Moaña celebrarase o 7 de abril, ás 11.30 h, un acto de visibilización do Día Mundial da concienciación do Autismo.