Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu pon en marcha as ‘Xornadas de Actividade Física para Tod@s’

  • As charlas terán lugar a próxima semana no Centro Social do Mar ás 20 horas

A concellaría de deportes de Bueu continúa apostando pola formación de hábitos saudables e por iso organiza as “Xornadas Informativas Actividade Física para Tod@s”, que se celebrarán do 8 ao 11 de abril no Centro Social do Mar. Segundo apuntou Manolo Otero, concelleiro de deportes, na rolda de prensa deste xoves, o obxectivo é “que a poboación dispoña de recursos, medios e información para o coidado da súa saúde e o goce do seu benestar”.

Todas as charlas terán lugar ás 20 h (cunha duración de aproximadamente unha hora máis a quenda de preguntas) e o programa arrancará o luns con Francisco J. García Soidán, médico de familia do Centro de Saúde de Porriño, quen falará sobre a actividade física para persoas con diabete. O 9 será a quenda de Irimia Mollinedo Cardalda, fisioterapeuta deportiva formada na UEM-EU Real Madrid, especialista en prevención e recuperación de lesións e experta en pilates de chan e accesorios. Ela falará sobre a necesidade da actividade física para persoas que padezan Párkinson.

O 10 de abril, as/os asistentes poderán aprender sobre deporte en persoas con mobilidade reducida ou persoas con discapacidade intelectual, da man de Ángela Méndez Míguez, responsable de Terapia Ocupacional do NEURORHB-Vithas Hospital Nuestra Señora de Fátima; e, por último, o 11 de abril, Susana Aldecoa, médica de familia e presidenta da AGAMFEC, presentará a actividade física para persoas con afeccións cardíacas.

Este programa inclúese na aposta do goberno local pola promoción de hábitos saudables e deportivos entre a cidadanía. Un exemplo disto son as ximnasias de mantemento que desde fai anos acollen ano a ano a preto de cincocentas persoas nos diversos espazos e lugares da vila.