Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu comeza coa instalación de 12 contedores para a recollida de aceites domésticos

  • Este servizo facilita o reciclado dos aceites vexetais por parte da cidadanía para garantir a correcta xestión e valorización

O casco urbano de Bueu xa conta con contedores para a recollida de aceites domésticos. A empresa Procesadora Gallega de Alimentos comezou esta semana coa instalación destes recipientes que facilitarán o reciclado dos aceites vexetais por parte da cidadanía para garantir a correcta xestión e posterior valorización.

As zonas que contan con contedores son a contorna da Praza de Abastos, Can do Penedo, As Lagoas (xusto ao carón do composteiro comunitario), Parque Ramal dos Galos, Avda de Marín, Loureiro, Agrelo, centro de Beluso, Igrexario de Cela, praia de Beluso, Casa da Aldea de Meiro e Cabalo.

A iniciativa lévase a cabo no marco dunha colaboración entre o Concello e Recolte, e será xestionada por Procesadora Gallega de Alimentos. Segundo salientan desde a empresa, a cidadanía poderá depositar o aceite en calquera envase doméstico de plástico e directamente no colector (sen bolsas de plástico). Así mesmo, e para difundir este servizo entre a cidadanía, xa se repartiron folletos informativos polos centros educativos da vila.