Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu comeza as obras de construción dunha fonte cibernética na Praza Massó

  • Con este proxecto búscase rexenerar o espazo do canabal e do estanque de Massó, mediante a instalación dunha fonte transitable con diversos elementos de lecer
  • A actuación faise con cargo ao Plan Concellos 2017, e a empresa Rocas Graníticas del Condado resultou adxudicataria cun importe de 48.375,80 €, IVE incluído

Un dos espazos máis emblemáticos e utilizados do Concello de Bueu, a Praza Massó, verá pronto renovada a súa imaxe. E é que as obras de construción dunha fonte cibernética transitable, con cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra, arrancaron esta semana co movemento de terras e a preparación do espazo no que vai ir a fonte.

A empresa Rocas Graníticas del Condado resultou a adxudicataria desta actuación cun importe de 48.375,80 €, IVE incluído. Así, o obxectivo prioritario é adecuar un espazo que actualmente se atopa obsoleto, dado o mal estado de conservación do estanque que impide o goce pleno da cidadanía. As obras proxectadas contemplan a execución de recheo, pavimentación, instalación dunha fonte transitable e adaptación da contorna para persoas con mobilidade reducida.

Obras fonte cibernética Praza Massó

A fonte contará con iluminación LED e cun sistema interactivo de xogo, co que se reforzará o carácter lúdico da Praza Massó, que fora creada no 2009 como unha zona de lecer e de celebración de diversos eventos ao aire libre. O espazo ocupado pola fonte será de aproximadamente 7,00 m x 7,40 m, non ocupando pois a totalidade do estanque actual.

Ademais, esta instalación funcionará en circuíto pechado, non precisándose máis achega de auga que o necesario para repoñer as perdas causadas pola evaporación e o vento, e tamén se prevé a instalación de equipos de tratamento e cloración que garantan a calidade da auga.

Por último, o proxecto contempla a mellora do espazo con outros mecanismos como son a iluminación, e a instalación de paneis informativos e de sensores pisadores.