Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O alumnado do CEIP Montemogos faille propostas do alcalde de Bueu

  • Un grupo de rapaces e rapazas foron recibidos este xoves na Sala Amalia Domínguez Búa, onde lle fixeron diversas peticións de infraestruturas

Un grupo de rapaces e rapazas do CEIP Montemogos de Beluso foron recibidos hoxe polo alcalde e diversos concelleiros/as na Sala Amalia Domínguez Búa, no marco dunha visita realizada para coñecer o funcionamento do Concello e realizar algunhas peticións de infraestruturas. Ao encontro asistiron un total de trinta e un nenos e nenas pertencentes a 6º de infantil e a 3º de primaria do centro.

Durante esta actividade, o alumnado de infantil fíxolle entrega dunha carta asinada na que se solicitaba a construción dunha pista para bicicletas e patíns no Parque Novas de Beluso, ademais da adecuación dunha zona con herba no patio infantil do propio colexio de Montemogos.

Pola súa banda, os rapaces e rapazas de terceiro de primaria suxeriron a instalación dun banco no mirador de Cabo Udra, emulando os “bancos máis bonitos do mundo”, como o caso do de Loiba, en Ortigueira. Para iso, tamén entregaron un orzamento e propuxeron unha data posible para a inauguración, coincidindo coa celebración do 26º Cross Cabo Udra.

O alcalde comprometeuse a realizar estas melloras coa rapazada, á que tamén lle explicou o funcionamento do Concello e das diversas áreas de goberno, e ao remate agasalloulle unhas mochilas e chapas co logo da Oficina de Voluntariado que  se vai poñer en marcha proximamente.

No acto tamén estiveron presentes Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, Manolo Otero, de deportes, Teresa López, de ensino e sanidade, e José I. García, edil de facenda.