Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu celebrou este luns a sesión plenaria ordinaria de outubro

  • Os festivos locais para o 2021 serán, como é habitual, o 16 de xullo, coincidindo co Carme, e o 11 de novembro, con San Martiño
  • A modificación extraxudicial de créditos para gastos derivados da Covid-19 aprobouse por unanimidade
  • Alberto Moital Cerviño tomou posesión do cargo de concelleiro do BNG, á agarda de decidirse aínda as súas áreas de xestión

A corporación municipal de Bueu celebrou este luns a sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de outubro na Sala de Usos Múltiples do Centro Social do Mar, en cuxa orde do día figuraban asuntos como a aprobación dunha modificación extraxudicial de créditos, os festivos locais para o ano 2021, unha moción sobre a creación dunha área de autocaravanas ou a toma da acta de concelleiro polo BNG de Alberto Moital.

O primeiro dos temas foi a toma de posesión do cargo de concelleiro de Alberto Moital Cerviño en substitución de Inmaculada Rodríguez Dias, que renunciara hai uns meses por motivos persoais. Os voceiros e voceiras dos grupos municipais desexáronlle unha boa estadía a Moital e ofreceron toda a colaboración, ao tempo que o alcalde o convidou a “vivir o presente e o futuro que ten por diante no Concello”.

Avanzando xa nos demais asuntos, a continuación debateuse a proposta de aprobación inicial do expediente de modificación de créditos por importe de 34.000 euros, que se destinan a gastos derivados da Covid-19, como son o persoal de desinfección dos centros educativos, os produtos de limpeza específicos, e outros como o vestiario e cadeiras para a Policía Local. Segundo apuntou o edil de facenda, Julio Villanueva, este é “un instrumento plenamente legal e que se aplica habitualmente nos concellos”. Pola súa banda, Elena Estévez, voceira do PP, botoulle en cara ao goberno local que non tivese en conta as alegacións que o seu grupo fixera ao Orzamento Xeral de 2020, cando reclamaban precisamente o que se aprobaba onte. José Manuel Vilas, representante do PSOE, declarou que “boto en falta un pouco máis de concreción en canto aos gastos deste recoñecemento”. A proposta, aínda así, aprobouse por unanimidade, cos votos a favor de todos os grupos da corporación.

Os festivos locais para o ano 2021 foi outro dos asuntos que se aprobou cos votos a favor de BNG, PP e PSOE e en contra de ACB. Así, como é habitual, no próximo ano serán festivos o 16 de xullo, coincidindo co Carme, e o 11 de novembro, con San Martiño.

O último tema da parte resolutiva da sesión referiuse a unha moción para a creación dun espazo para autocaravanas, presentada polo PP. O grupo do BNG, encabezado polo seu voceiro Xosé Leal, desbotou a proposta dado que “non ten sentido, sobre todo cando o goberno local leva moitos anos traballando en diversas alternativas, públicas e privadas, de cara a crear unha área destas características, para o que xa mantivemos encontros con colectivos”. O voceiro de ACB e vicealcalde do goberno, Julio Villanueva, manifestou a abstención xa que a moción non inclúe ningunha proposta de área concreta e que lle consta que no Concello se leva anos traballando neste asunto. Polo tanto, a moción foi desestimada, ao contar cos votos en contra de BNG, a abstención de ACB, e a favor de PP e PSOE.