O Concello de Bueu celebra o Día de Rosalía adaptado á Covid-19
Aínda que este ano non se pode celebrar o tradicional recital poético polo Día de Rosalía, o Concello de Bueu non renuncia a reivindicar a figura da poeta galega máis internacional, cuxos versos analizaron a sociedade e as inxustizas do seu tempo e tamén lanzaron mensaxes feministas. Este mércores, 24 de febreiro, cúmprense 184 anos do nacemento de Rosalía de Castro, e por iso o persoal da Rede de Bibliotecas Municipal pon en marcha dúas actividades. Dunha banda, na Biblioteca Municipal Torrente Ballester de Bueu está dispoñible unha exposición bibliográfica sobre a obra rosaliana existente no arquivo, acompañada de poemas e outros textos de interese. A mostra, que se atopa na entrada da biblioteca, poderá visitarse con reserva previa no teléfono 986323140 ata o 5 de marzo. Outra das iniciativas é a elaboración de marcapáxinas con versos da poeta e que se repartirán entre as persoas usuarias das tres bibliotecas municipais: Bueu, Cela e Beluso.
Alberto Moital, concelleiro de patrimonio, arquivo e bibliotecas, destaca tamén a importancia da acción ‘Proxectando a forza de Rosalía’, que se desenvolve dende a Deputación Provincial de Pontevedra en varios concellos da provincia, entre os que está Bueu. Así, a fachada do Centro Social do Mar alumearase coa imaxe e un texto de Rosalía a partir deste mércores, e a inauguración terá lugar ás 19.30 h, cando a deputada Noemí Outeda visitará o lugar xunto a responsables do goberno municipal para tirar unha foto. O obxectivo da campaña é que a cidadanía comparta nas redes sociais as imaxes cos cancelos #CoaForzadeRosalía, #DíadeRosalía e #ADepoconRosalía.