Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu celebra «Máis que clubs», un acto de homenaxe ao deporte na vila

  • O evento terá lugar no Pavillón Municipal de Bueu o xoves 23 de febrero ás 20.00 h e o obxectivo é poñer en valor o labor social que levan a cabo as entidades deportivas bueuesas

O Concello de Bueu celebrará este xoves, 23 de febreiro, “Máis que clubs”, un acto de homenaxe ao deporte da vila, co que se pretende poñer en valor o enorme labor social que levan a cabo as entidades e clubs deportivos, así como as persoas que traballan nelas. O evento está programado no Pavillón Municipal Pablo Herbello aproveitando o festivo local con motivo do Día de Rosalía.

O acto será presentado polo libreiro e dinamizador local Fernando Miranda e homenaxeará aos clubs e entidades deportivas da vila que traballan nas diversas disciplinas, como o fútbol, o fútbol sala, o balonmán, o taekwondo, a loita, o remo, ou o atletismo. Así mesmo, durante o transcurso do mesmo tamén se fará entrega dun agasallo a persoas que por parte de cada club se elixiron polo seu traballo e compromiso.

“Máis que clubs” contará coa presenza de clubs da vila, así como de familiares e amizades, e tamén da corporación municipal. Segundo apuntan Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Ricardo Verde, concelleiro de deportes, “para o Concello é moi importante este acto co que queremos agradecer publicamente aos clubs e deportistas da vila o seu labor e traballo incansable a prol da dinamización de Bueu”.