Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A Mancomunidade do Morrazo comeza esta semana co servizo de recollida a domicilio de mobles e enseres

  • Esta iniciativa pretende reducir a problemática asociada á acumulación de voluminosos ao lado dos colectores, que causa sucidade, cheiros e mala imaxe nas rúas e espazos públicos
  • As persoas que desexen facer uso del deberán chamar previamente ao teléfono 900725425

A Mancomunidade de Concellos do Morrazo comeza esta semana co servizo de recollida de mobles e enseres a domicilio, unha iniciativa que se pon en marcha co obxectivo de erradicar a problemática asociada á proliferación de voluminosos ao lado dos colectores nas rúas, que causan mala imaxe e sucidade. Co novo servizo, as persoas que queiran desfacerse de mobles ou outros obxectos de gran tamaño deberán chamar previamente ao teléfono 900725425, e a partir dese momento indicaráselles a data de recollida no enderezo postal que indique o cidadán ou cidadá, quedando terminantemente prohibido o depósito de voluminosos ao lado dos contedores.

Félix Juncal, presidente actual da Mancomunidade e alcalde do Concello de Bueu, salienta que “trátase de seguir implementando medidas para reducir a presenza de residuos nas rúas e concienciar á cidadanía da necesidade de xestionar adecuadamente o lixo que xeramos”. Por iso, dende a Mancomunidade tamén se lembra que está prohibido depositar estes enseres ao lado dos contedores ou en lugares non indicados, para o que se incrementará a vixilancia e, en caso de incumprimento, se establecerán as correspondentes sancións económicas.

Co obxectivo de reducir a pegada medioambiental e o impacto sobre a contorna, dende o ente supramunicipal levan xa uns anos traballando na posta en marcha de iniciativas e proxectos pioneiros e que están á vangarda do que se está facendo a nivel europeo. Entre esas iniciativas atopamos a extensión da compostaxe comunitaria e o reparto de colectores de balde para a compostaxe individual. E no último ano comezaron cunha campaña de mellora e ampliación do servizo de recollida porta a porta de papel e cartón comercial, co que se reduciu a problemática relacionada coa presenza de papel e cartón no entorno do colector azul, que dificultaba a eficiencia e eficacia dos servizos de limpeza. A campaña ten como obxectivo principal mellorar de xeito substancial a limpeza das rúas con redución dos custes asociados e renovar a imaxe das zonas comerciais, pois o que se fai é evitar que este tipo de residuos interfiran noutros fluxos de recollida de papel e cartón, evitar o enchido e saturación dos colectores azuis de recollida selectiva destinados ao uso da cidadanía, e recoller de maneira sostible unha maior cantidade de papel e cartón para introducilo no circuíto da reciclaxe… Ademais, tamén se conseguirá a medio prazo un aforro de enerxía, emisións e materias primas, conseguindo unha reciclaxe de calidade e potenciando o coidado do medio ambiente.

E tamén centrándose nos grandes produtores, púxose en marcha o servizo selectivo de recollida de biorresiduos “porta a porta” para a hostalaría, por ser estes locais os principais xeradores dos residuos orgánicos. Con esta campaña, o ente supramunicipal implanta as normativas europea e estatal, que esixen acadar o 55% na reutilización e na reciclaxe dos residuos domésticos en 2025.