O Concello de Bueu avanza cos traballos de mellora integral do Parque Ramal dos Galos
-
A empresa Rocas Graníticas del Condado SL está levando a cabo as obras e a o goberno local agarda que a colocación do adoquín se remate a vindeira semana
O alcalde de Bueu, Félix Juncal, e o concelleiro de cultura, Xosé Leal, visitaron este venres o Parque Ramal dos Galos, onde actualmente avanzan as obras de mellora integral. A empresa adxudicataria, Rocas Graníticas del Condado SL, rematará de colocar o adoquín a próxima semana, polo que os problemas de afundimento que había no pavimento do parque quedarán solucionados.
O proxecto, cun orzamento de preto de 20.000 €, inclúe tamén o pintado das varandas exteriores así como a renovación dos espazos patrimoniais. A maiores, no marco desta mellora integral, o Concello está traballando nunha proposta para mellorar o axardinamento do parque, e a creación dun mural inspirado na figura de Gonzalo Torrente Ballester e nas verbas dalgúns escritores e escritoras locais. O obxectivo é, pois, que o Parque Ramal dos Galos continúe sendo un “espazo de referencia”, no cal se levan a cabo abondosos eventos culturais, deportivos e de promoción económica, que permiten a convivencia interxeneracional.
Estas obras forman parte dun plan integral de mellora dos parques da vila bueuesa, no marco do cal se renovaron e crearon novas áreas de xogos con cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación.
Entre as últimas obras que se levaron a cabo neste lugar están a instalación de aparatos biosaudables e a pavimentación do vial colindante.