O Concello de Bueu atópase inmerso na elaboración do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS)
- A empresa adxudicataria é Terravanza, cun importe de 13.303,95 euros para a redacción deste instrumento que debe estar aprobado no mes de marzo
O Concello de Bueu atópase inmerso na elaboración do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), cuxa redacción corre a cargo da empresa Terravanza, Gabinete de Estudios Territoriales Avanzados SL, quen resultou adxudicataria cun importe de 13.303,95 euros. Este plan, que se elaborará con cargo a unha subvención da Deputación de Pontevedra, suporá un gran avance para determinar os principais problemas e as prioridades de cara a mellorar a mobilidade no municipio morracense. Así o salienta a concelleira de medio ambiente, Tamara Sotelo, quen avanza que o persoal da adxudicataria manterá encontros coas asociacións veciñais e colectivos da vila.
Na primeira fase, a empresa recabou información técnica sobre o municipio, analizando cuestións como a normativa urbanística, a distribución do territorio ou a cartografía para ter unha visión global sobre a que propoñer medidas e retos aos que enfrontarse. Entre as cuestións que se pretenden solucionar co PMUS están a mellora integral do barrio da Banda do Río, os accesos ao cemiterio, ou a busca dunha boa conexión co tanatorio, amais da accesibilidade aos diversos espazos para as persoas con mobilidade reducida ou as de liñas autobuses. Precisamente, nestes días a empresa xa está traballando na xuntanza coa veciñanza para recoller as diversas propostas.
Seguindo coas liñas estratéxicas que o goberno local leva anos impulsando, o PMUS suporá un gran avance, sobre todo porque se concibirá como o instrumento de referencia á hora de mellorar as redes de comunicación do concello, construíndo espazos para a cidadanía e fomentando unha necesaria sintonía co medio ambiente.
A concelleira da área anima a toda a cidadanía a participar neste proxecto, pois nel recolleranse as medidas a poñer en marcha, non só no curto e medio prazo, senón tamén no futuro.