Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu aspira a conseguir por primeira vez a Bandeira Azul para a praia da Banda do Río

  • O consistorio presenta ao galardón a candidatura desta praia urbana despois de que se puxese en marcha o socorrismo na pasada tempada estival e tras os bos resultados na calidade das augas dos últimos anos
  • Félix Juncal, alcalde da vila, salienta que “é un momento ilusionante e a consecución deste distintivo suporá poñer a guinda ao traballo de moitos anos e de moitas persoas”

O Concello de Bueu vén de presentar a candidatura para acadar as Bandeiras Azuis nos areais e tamén nos centros medioambientais de cara á próxima tempada estival. O consistorio aspira a revalidar o galardón que concede cada tempada estival a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) para as praias de Lapamán, Portomaior, Area de Bon e Lagos, e por primeira vez para a urbana da Banda do Río.

Este ano, e por primeira vez, a praia da Banda do Río concorrerá para obter este galardón, o que suporía un fito histórico, sobre todo porque “este areal partía duns niveis altísimos de contaminación, que logramos erradicar grazas ás políticas implementadas na última década por este goberno”, apunta Félix Juncal, alcalde da vila bueuesa. Precisamente, e xa coa vista posta nesta campaña, o Concello puxo en marcha o pasado verán o servizo de socorrismo no areal, e tamén se acaban de instalar uns aseos autolimpables no paseo de María Eugenia, na zona próxima ao lugar e na que tamén está proxectada unha mellora para o fomento da accesibilidade e a inclusión de todas as persoas.

O alcalde salienta que “é un momento ilusionante e a consecución deste distintivo  poñería a guinda ao traballo de moitos anos e de moitas persoas”, pois “que poidamos izar unha Bandeira Azul no principal areal urbano de Bueu supoñía no seu momento unha utopía, e cando a consigamos, teremos un soño cumprido”. Juncal lembra que foi no ano 2007 cando se comezou coa renovación das infraestruturas na desembocadura do río, de cara a corrixir e eliminar os importantes verquidos de augas residuais desta praia e que facían que as augas non fosen aptas para o baño debido aos aberrantes niveis de contaminación. “É importante botar a vista atrás para darnos conta das transformacións conseguidas”, continúa Juncal que nomea outras actuacións importantes como foi a renovación de colectores, nos que se ampliou a súa capacidade e se separaron as augas, ou a dotación dunha infraestrutura máis moderna para previr os desbordamentos do río na tempada outono – inverno. Todas esas medidas incidiron directamente na mellora das analíticas das augas neste areal que pasaron duns niveis de contaminación moi elevados a ter unha calidade de auga óptima para o baño, tal e como se refrendou nos últimos anos.

Así, pois, esta candidatura supón “a conquista de novos espazos de convivencia e relación social, pero tamén o incremento de recursos turísticos que teñen unha incidencia directa na economía local”, culmina o rexedor.

Pola súa banda, Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, salienta que “esta candidatura supón unha garantía de que nas praias se cumpren determinados parámetros medioambientais, de limpeza e de servizos como o socorrismo”. A edil engade que “cada ano tentamos mellorar o estado dos areais, con servizos como os aseos nas praias nas que é posible e a limpeza diaria, xa que queremos que a veciñanza e as persoas visitantes poidan gozar deles nas condicións máis óptimas”.

Ademais, a vila morracense aspira a revalidar o distintivo azul para os centros medioambientais, concretamente para a Aula da Natureza de Cabo Udra e para o Centro de Interpretación de Agrelo, cuxas candidaturas xa foron presentadas nesta semana. A elas engadirase a candidatura do Sendeiro de Cabo Udra, que tamén se ultimará nos vindeiros días.

O municipio bueués recolle os froitos das diversas obras e xestións que se levan realizando anualmente para manter este distintivo que concede a ADEAC como un premio aos concellos que realicen unha labor importante no mantemento do patrimonio natural.