Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A vila de Bueu suma este Nadal quilómetros solidarios

  • O evento, organizado polo grupo Galaicas Bueu, celebra este domingo a carreira de relevos e de mascotas
  • A carpa do aparcadoiro das Lagoas acollerá varios postos informativos de colectivos cos que se poderá colaborar, como Asbel, a Asociación Protectora de Animais do Morrazo e Adicam

O grupo Galaicas Bueu organiza este domingo, 19 de decembro, unha carreira solidaria na que se promove o comercio local e a actividade física entre a cidadanía, e coa que colabora o Concello de Bueu. Este evento, que se celebrará nas diversas categorías entre as 9.30 e as 14.00 horas, reunirá a 51 comercios, 153 persoas nas carreiras de relevos e dez na de mascotas.

Os comercios da vila participan en forma de patrocinadores do evento con equipos mixtos de tres persoas, unha fórmula para favorecer a participación feminina nas probas. Tal e como salienta Ricardo Verde, concelleiro de deportes, “é unha sorte contar cun evento por segundo ano consegue promover a práctica deportiva, que contribúe a un estilo de vida activo e saudable no Nadal”.

O custo da inscrición págao o establecemento e as persoas corredoras ou participantes colaboran de dous xeitos:ou ben promovendo o comercio da nosa localidade a través das fotografías e mencións nas redes sociais cada vez que adestren ou incluso o día da proba onde cada unha deberá levar a camiseta representativa do seu comercio; ou a través da achega de alimentos, produtos de Nadal, mantas e outros produtos para Asociación por Beluso (Asbel) e a Protectora de Animais do Morrazo. Precisamente, o día da carreira, estes dous colectivos terán cadanseu posto informativo e de venda na carpa do aparcadoiro das Lagoas, á que se sumará tamén a Asociación de Diagnosticad@s de Cancro de Mama (Adicam). E como todo é solidario nesta carreira, os trofeos foron encargados á Asociación de Persoas con Discapacidade Juan XXIII de Cangas.

Esta iniciativa de suma de “quilómetros solidarios” desenvólvese ao longo de todo o mes de decembro, e o 31 culminará coa “Marcha dos nenos”.