O Concello de Bueu asina o convenio urbanístico coa familia Davila de cesión dunha parcela no centro de Beluso
- No acto participaron o alcalde e o concelleiro de urbanismo, ademais da familia, á que dende o goberno local agradeceron a “colaboración, paciencia e confianza no traballo municipal”
- Este convenio permitirá que o Concello avance no plan de traballo e “deseñe o Beluso do presente e do futuro, con criterios de mobilidade, accesibilidade e calidade urbana”
O salón de plenos do Concello de Bueu acolleu este mércores, 21 de decembro, o acto de sinatura do convenio urbanístico coa familia Davila, que permitirá seguir contando cuns terreos situados no centro da parroquia de Beluso, onde se sitúa actualmente o aparcadoiro público para a veciñanza. Félix Juncal, alcalde da vila, e Martín Villanueva, concelleiro de urbanismo, destacaron no acto de sinatura que se trata dun trámite moi necesario, “que permitirá que o Concello obteña mediante cesión os terreos que se veñen utilizando como aparcadoiro público nesta zona tan transitada, e que suporá deseñar o Beluso do presente e do futuro”.
A xénese do proxecto atópase no ano 2010, cando a Deputación Provincial de Pontevedra esixiu unha serie de medidas de seguridade vial, a raíz das cales na estrada provincial que vai dende a Rúa Nova ata o Parque Empresarial de Castiñeiras se eliminaron as prazas de estacionamento aos lados da calzada. Foi nese momento cando o Concello comeza a buscar alternativas para recuperar eses aparcadoiros, xa que a súa ausencia afectaba notablemente á vida comercial e social dese lugar, pois nel conflúen diversos establecementos e tamén a Casa do Pobo de Beluso. Nesa busca de propostas, o goberno contactou coa familia Davila, coa que acordou un alugueiro de terreos para unha parcela, que se veu empregando dende aquela como aparcadoiro, unha solución que se estimaba que fose a curto prazo e de forma temporal. “Daquela Estabamos explorando diversas fórmulas para que o Concello puidese adquirir os terreos mediante unha permuta”, lembran Juncal e Villanueva. Con todo, foi coa aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal e a súa entrada en vigor cando se abre unha fórmula diferente e novidosa, que consistía na formalización dun convenio polo que o Concello podía anticipar a obtención dos terreos mediante a cesión das persoas propietarias e que de forma regulada se establecerían as condicións. Ese convenio foi o que se asinou esta mañá nas dependencias municipais e, segundo os rexedores, “ten carácter gratuíto, pero o Concello comprométese a aprobar os instrumentos de xestión urbanística nun prazo máximo de un ano e medio, que permitirán o seu desenvolvemento urbanístico dunha peza esencial no crecemento urbano de Beluso, “consolidando a xa realidade urbana desta parroquia”.
Esta sinatura, na que participou a familia Davila, representa, en palabras de Juncal e Villanueva, “o remate dunha etapa, pero simboliza a primeira pedra dese futuro Beluso que vén, no que haberá enormes oportunidades e que con total seguridade transformará a zona con criterios de mobilidade, accesibilidade e calidade urbana, polo que nos servirá de exemplo para actuacións noutros lugares con proxectos e características similares”.
O Concello de Bueu encara agora unha “etapa moi ilusionante”, e xa de forma inminente acometerá na zona un proxecto de mellora integral do aparcadoiro, e comezaranse a redactar os proxectos aos que se fai referencia no convenio. Así mesmo, unha vez que se edifique este solo, permitirá tamén que exista unha bolsa de vivendas protexidas, tan importante para facilitar que as persoas con menos recursos poidan acceder a unha vivenda en mellores condicións que as do mercado libre.
O alcalde e o concelleiro de urbanismo agradecen á familia Davila, sobre todo na persoa de Aureliano Davila Juncal, “a colaboración, a paciencia e a confianza no traballo municipal, ademais da boa vontade”.