A Mancomunidade do Morrazo instalará seis puntos limpos de proximidade na comarca
- Este proxecto permitirá a reciclaxe de distintos residuos que carecen de sistemas de recollida, e que despois serán enviados ao Punto Limpo da Mancomunidade
- O ente supramunicipal vén de acadar unha subvención da Consellería de Medio Ambiente por importe de 27.000 €
A Mancomunidade de Concellos do Morrazo instalará seis puntos limpos de proximidade que permitirán a recollida selectiva de residuos especiais de mediano e pequeno tamaño. O ente supramunicipal vén de acadar unha subvención da Consellería de Medio Ambiente destinada a este concepto, valorada en 27.000 €, da que a Mancomunidade terá que achegar 9.114 € máis para o financiamento da totalidade. O proxecto está cofinanciado con fondos do MITECO (cofinanciadas polos fondos do Programa de economía circular e do Plan de impulso ao medio ambiente – PIMA residuos dos anos 2022- 2023.
Estes novos dispositivos de reciclaxe presentarán diversos compartimentos para a recollida de distintos fluxos de residuos que carecen de sistemas ordinarios de recollida achegando así, a recollida selectiva á cidadanía e reforzando o servizo do Punto Limpo. Estes Puntos Limpos situaranse na vía pública e dende a Mancomunidade prevese que cada municipio conte con dous a comezos do próximo ano, aínda que xa se recibiron unhas placas de lectura braille co fin de que os colectores sexan accesibles para o maior número de persoas.
Neles, a cidadanía poderá depositar, de forma independente, tubos fluorescentes, pilas e baterías, cartuchos de tinta e tóner de impresoras, pinturas, disolventes e sprays, pequenos aparellos metálicos, lámpadas de baixo consumo, pequenos e medianos RAEEs, cápsulas de café, radiografías, e CD e DVD. Despois, eses residuos serán enviados ao Punto Limpo da Mancomunidade.
Tal e como se destaca dende a Mancomunidade, o proxecto terá beneficios medioambientais e económicos, como o aumento dos ratios de recollida e xestión sostible, a redución dos gases de efecto invernadoiro xerados por carburantes tradicionais ao evitar os traslados en vehículos ao Punto Limpo, a redución dos vertidos incontrolados no medio natural, e a minimización dos custes de transporte e xestión dos residuos mal separados (depositados no colector de resto).