Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O goberno local presentará este venres o proxecto de reforma do Pavillón Municipal de Beluso

  • No acto, que terá lugar ás 17 horas nesta instalación deportiva, estarán presentes membros do goberno local bueués, así como os técnicos redactores do proxecto

O goberno local de Bueu presentará este venres, 23 de decembro, o proxecto de reforma do Pavillón Municipal de Beluso, nun acto que terá lugar ás 17 horas nesta instalación deportiva situada na contorna do Parque Joe Novas. Nesta presentación, á que están convidados a asistir representantes de colectivos e veciñanza en xeral, participarán Félix Juncal, alcalde de Bueu, Ricardo Verde, concelleiro de deportes, e os técnicos redactores do proxecto.

O Concello continúa coa aposta pola renovación e mantemento dos espazos deportivos cun gran uso por parte da cidadanía e dos clubs e asociacións deportivas da vila. Así, a reforma do pavillón de Beluso conta cun proxecto de 1,5 millóns de euros e e con esta actuación prevense solucionar, en primeira instancia, as múltiples deficiencias do pavillón, vinculadas sobre todo ás filtracións e humidades. Con todo, con ela buscarase ir máis alá, pois, segundo salienta o rexedor, “nesta obra tamén se apostará de forma decidida pola eficiencia enerxética a través de solucións innovadoras e adaptadas aos tempos que vivimos”. Isto supón seguir avanzando na liña de políticas amables coa preservación do medio ambiente que o goberno local vén aplicando nos últimos anos e que responde ás directrices do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) e o Plan de Acción para o Clima e a Enerxía (PACE).

O Pavillón de Beluso necesita unha actuación “de gran calado”, para que así poida cumprir co código técnico. Neste sentido, o alcalde lembra que a instalación conta cun deficiente illamento da soleira de formigón, o que fai que tanto a pista como os vestiarios estean danados. Precisamente, co obxectivo de resolver estas eivas, xa hai uns anos se advertira á Deputación, que foi a que acometeu as obras, unha reparación, a cal foi realizada de forma deficiente.

O Concello de Bueu explorará para acometer esta actuación varias vías de financiamento, como os fondos Next Generation, dentro das axudas do PIREP (Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos), e tamén se enviará o proxecto á Secretaría Xeral para o Deporte pois, segundo salienta o rexedor, “buscaremos a sinatura dun convenio de colaboración para que Xunta de Galicia cumpra co acordado nas reunións mantidas e por fin se acorde de Bueu”.

As persoas interesadas en saber máis sobre o proxecto e as liñas técnicas de actuación poderán asistir á presentación do próximo venres.