Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu anuncia un cambio de formato para a Festa do Polbo, que xa non se celebrará en agosto

  • Félix Juncal, alcalde de Bueu, salienta que “o evento seguirá poñendo en valor este produto tan noso, axudando sempre ás persoas que viven do mar”
  • Dende o Concello continúase a traballar para anunciar ao longo deste mes o novo formato e a data na que se organizará a festa

O Concello de Bueu non celebrará este mes de agosto a Festa do Polbo tal e como viña sendo habitual. Así o comunican Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, logo das conversas mantidas ao longo destas últimas semanas co patrón maior da Confraría de Pescadores San Martiño de Bueu, entidade coa que se organiza conxuntamente este evento.

Despois dunha vintena de edicións, dende o Concello e a Confraría creuse necesario valorar o seu impacto e buscar un novo formato de festa gastronómica que pasa por desestacionalizala, aínda que tendo, como era habitual, o polbo como protagonista. Juncal asegura que “algo que está no ADN da festa é garantir que poña en valor un produto tan noso como o Polbo de Bueu, e tamén que permita que tanto a Confraría como as persoas que viven do mar sexan as principais beneficiarias”. Outra dos eixes principais sobre os que continuará pivotando a festa  é que contará cunha programación para degustar o polbo en todas as variantes, tanto a veciñanza da vila bueuesa como as persoas visitantes.

O Concello de Bueu continúa estes días en contacto coa Confraría de Pescadores San Martiño e agarda pechar ao longo do mes de agosto o novo formato e data da festa.