O Concello de Bueu abre parcialmente o aparcadoiro de As Lagoas
- Dende o consistorio lémbrase á cidadanía a dispoñibilidade dunhas cincocentas prazas de estacionamento nos aparcadoiros disuasorios, e continúa traballándose para conseguir máis áreas
O Concello de Bueu anuncia que a partir deste martes pola tarde abrirase parcialmente o aparcadoiro de As Lagoas para permitir o estacionamento de ata trinta vehículos neste espazo e ao que poderá accederse dende a parte superior, é dicir, a que se atopa ao lado da glorieta. Félix Juncal, alcalde de Bueu, salienta que o espazo estará dispoñible nestas condicións tamén durante a próxima fin de semana, coincidindo co Festival Sonrías Baixas, e que unha vez que este finalice, xa se abrirá completamente na súa totalidade.
Dende o Concello apélase á comprensión da cidadanía, xa que o verán é unha época complexa dada a celebración de diversos eventos e a multiplicación das persoas visitantes. Ante esta situación, o goberno local leva anos traballando de cara a conseguir novas parcelas para destinar a áreas de estacionamento. Neste sentido, lémbrase á cidadanía que o Concello dispón de máis de cincocentas prazas de estacionamento entre os diversos aparcadoiros disuasorios que se atopan en áreas urbanas e periurbanas, como poden ser o da zona do Norte, enfronte do Pavillón Pablo Herbello, no entorno dos novos xardíns do Valado, en Pescadoira… Ademais, conscientes da necesidade de contar con máis espazos na tempada estival, o Concello conseguiu que a empresa contratista seguise mantendo o estacionamento no solar a carón do parque infantil de As Lagoas ata despois do verán.