O Concello de Bueu adhírese ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

  • A vila morracense convértese no socio 100 desta entidade destinada ao fomento da cooperación internacional

O Concello de Bueu adhírese ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, converténdose así no socio número 100 desta entidade que ten por finalidade a cooperación en proxectos de desenvolvemento en países empobrecidos do mundo e mais a concienciación da veciñanza fronte ás desigualdades a través de diversas actividades. Así se acordou na sesión plenaria da corporación deste luns, 3 de decembro, cos votos a favor do BNG e PSOE e a abstención do PP.

Segundo iso, a partir de agora o Concello de Bueu comprométese a achegar unha cota anual de 1.055,22 €, que será reinvestida tanto en accións de cooperación internacional como de sensibilización en Galicia, contribuíndo deste xeito á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados pola ONU co fin de erradicar a pobreza e as desigualdades no horizonte de 2030. Proximamente, o Concello poderá programar no marco deste convenio o espectáculo ‘Antía, Wamba e o regato pequeno’.

Doutro lado, o último pleno do ano 2018 tamén acordou a aprobación definitiva do Orzamento do 2018, logo de que se desestimase a alegación presentada ao mesmo por non cumprir cos requisitos formais que esixe a lei, tal e como destacou o concelleiro de facenda, José I. García Cuervo. A proposta aprobouse cos votos a favor do BNG, en contra do PP e a abstención do PSOE. Os orzamentos xerais ascenden a unha cantidade de 5.860,000 € (un incremento de 110.000 € en ingresos e 155.000 € de gastos con respecto ao ano anterior).

E, por último, ratificouse o acordo dos festivos locais para o ano 2019, que serán os habituais: 16 de xullo, Día do Carme, e 11 de novembro, San Martiño.

O Fondo Galego de Cooperación

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 97 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, a´si como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte – Sur. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo celebrou en 2017 o seu vixésimo aniversario.

En canto á proposta ‘Antía, Wamba e o regato pequeno’, que A Tropa de Trapo está a representar nos novos concellos que se suman ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, está protagonizada por unha nena e un mozo do Congo que se busca a vida vendendo todo na rúa. Os contos del e as merendas dela fundiranse nunha amizade que lle aprenderá a Antía que compartir non é dar o que che sobra e que, como din na tribo de Wamba, o río énchese de regatos pequenos.