Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O alcalde de Bueu visitou este martes varias obras

O alcalde de Bueu, Félix Juncal, comprobou este martes o remate de varias actuacións que se levaron a cabo en diversas zonas do municipio, como a pavimentación do vial de baixada á praia de Area de Bon, en Beluso, e o parque infantil de Meiro.

Así, no caso do vial de acceso á praia de Area de Bon, o goberno local, sensible ás peticións de veciños e veciños con propiedades na zona, decidiu ampliar a senda peonil e eliminar o estacionamento de vehículos no tramo último de chegada á praia. Tras o remate do pavimentado, agora procederase á sinalización e pintado desta senda, que permitirá o acceso das persoas a un dos areais co distintivo de Bandeira Azul.

Ademais tamén se aproveitou para asfaltar outro tramo sito en Bon de Abaixo, concretamente xunto ao lavadoiro de Tomadelo. As empresa Nexia Infraestruturas SLU é a adxudicataria destas obras, que contan cun orzamento de 47.132,88 €, con cargo aos remanentes do Plan Concellos 2016.

Félix Juncal puido comprobar tamén o parque infantil recentemente instalado na contorna da Casa da Aldea de Meiro, actuación coa que queda culminado o proxecto de renovación e creación de parques en diversas zonas da vila que permitirán que a cidadanía poida gozar de instalacións de lecer adaptadas aos novos tempos, tanto nas áreas urbanas como rurais. Así, este proxecto financiado con cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra, permitiu crear parques infantís na Antiga Escola Unitaria de Cabalo e na de Sanamedio, así como nos Xardíns de María Eugenia, na Praza do Concello, en Xedide e na Casa da Aldea de Meiro. Ademais, tamén se habilitaron diversas áreas de biosaudables , concretamente no Parque Ramal dos Galos, en Pescadoira e no Paseo de Agrelo- Portomaior. Outro dos espazos máis utilizados entre a poboación máis nova, como é o skate park sito nas Lagoas completouse coa instalación dun novo módulo.

O proxecto dos parques tiña un prezo total de licitación de 237.846,77€ , IVE incluído, aínda que se dividiu en tres lotes, correspondentes aos parques infantís, zonas biosaudables e skate park. No primeiro caso, adxudicouse a Bricantel SL por un importe de 144.895,48.-€. A mesma empresa resultou adxudicataria tamén do segundo, cun importe de 15.530,41.-€, e do terceiro, Zona de Obra O Rosal SLU, de 6.353,76.-€.