Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello de Bueu acolle o próximo venres a charla ‘Visibilizar a esclerose múltiple’

  • O acto, organizado xunto á Asociación de Esclerose Múltiple do Morrazo, vaise celebrar ás 20.00 horas, no Centro Social do Mar, e tamén se retransmitirá en directo dende a canle de YouTube do Concello

O Concello de Bueu continúa co ciclo de charlas “Bueu Concello Saudable” e o próximo venres, 8 de outubro, o Centro Social do Mar acollerá ás 20 horas unha mesa redonda coa que se busca visibilizar a esclerose múltiple. Da man da Asociación de Esclerose Múltiple do Morrazo (EMMO), o evento contará coa participación de María Sanluís Ferradás, psicóloga e presidenta de EMMO, David Campos Magdaleno, doente de Bueu, Ana Rodríguez Regal e María del Campo Amigo Jorrín, neurólogas especialistas en enfermidades desmilianizantes do Hospital Provincial de Pontevedra, e Raquel Carragal Da Costa, do Máster de preparación física e readaptación deportiva de lesións, neurociencia e neorobiomecánica do Centro Alaïa.

A Asociación de Esclerose Múltiple do Morrazo (EMMO) naceu en maio deste ano co obxectivo de axudar a todas as persoas da comarca que padecen esta doenza e tamén ás súas familias, un piar importante para soportar a enfermidade. De feito, esta charla forma parte da campaña deste colectivo para visibilizar e informas sobre a enfermidade.

Ricardo Verde, concelleiro de deporte e sanidade, salienta que “é importante que a cidadanía estea informada destas e doutras doenzas e de como se complementar o deporte e a saúde”. Coa finalidade de seguir cos hábitos saudables, desde esta concellaría continuarase coa organización de máis charlas nos próximos meses, ao tempo que se reactivan as actividades físico –deportivas.

Dado o amplo interese social desta charla, o Concello de Bueu retransmitirá o evento a través da canle oficial de YouTube.