O Concello de Bueu abre o prazo para a presentación de obras ao Certame de Relatos Matilde Bares
- O concurso iniciouse no 2005 como unha homenaxe á mestra bueuesa Matilde Bares e supón unha estratexia para reflexionar sobre a igualdade de oportunidades e a violencia de xénero
- Os orixinais deberán entregarse antes do 28 de decembro e o gañador/a farase con 1500 €
O Concello de Bueu abre o prazo para participar no IX Certame de Relatos de Muller Matilde Bares, que se estende ata o 28 de decembro. O extracto das bases publicouse este martes no Boletín Oficial da Provincial, polo que a partir de mañá xa se poderán presentar relatos en lingua galega que teñan por temas o fomento da igualdade entre homes e mulleres, a corresponsabilidade nas obrigacións familiares e sociais e o tratamento da violencia de xénero.
Segundo establecen as bases, os orixinais poderán presentarse por dúas vías: ou ben no Rexistro Xeral do Concello, a través dun sobre no que se fará constar “IX Concurso de Relatos de Muller Matilde Bares”, ou por correo postal, tamén co mesmo título no sobre con inclusión do selo que certifique a data de envío.
A persoa gañadora farase cun premio de 1500 € e a decisión do xurado farase pública en febreiro do próximo ano. Os criterios que se valorarán para elixir as obras premiadas serán: a orixinalidade no tratamento do tema, a reinterpretación dos roles sexistas e os estereotipos que afectan á imaxe da muller que aparecen a diario na literatura, cine e televisión, os micromachismos, a igualdade laboral, a imaxe da muller nos medios de comunicación.
Este certame foi recuperado o ano pasado logo dun parón de seis anos, aínda que quedou deserto dado que ningún dos relatos presentados cumpría coas esixencias da bases.
O premio rende unha homenaxe a Matilde Bares, mestra de labor recoñecida que se esmerou na preparación de ata tres xeracións en Bueu, ademais de ser organizadora de actividades culturais e grupos de teatro. En 1898 daba clases na escola privada da Banda do Río, e o 11 de novembro do 1932 realizóuselle unha homenaxe coa colocación dunha placa conmemorativa na que foi a súa casa en Eduardo Vincenti, 41, e que pon “Os fillos de Bueu en América a Matilde Bares”. Unha homenaxe que foi auspiciada polos emigrantes arxentinos en agradecemento pola súa labor, xa que a moitos deles ensinoulles a ler e a facer contas antes de partir a Arxentina.
Nos seus inicios este concurso erixiuse como unha referencia no sector literario, e ten premiado a varias persoas destacables no campo da cultura. Na primeira edición a gañadora foi Rosa María Martínez Dios co relato Dúas cunchas; seguidamente, Xurxo Sierra Veloso, con As dúbidas de María; Xosé Alfredo Naz Fernández, con Círculo, Serafín Parcero Pérez, con Ollos de cinsa; María del Carmen Caramés Gorgal, con Días de namorar e Lola, e Alexandre Alonso Alonso con Xénero imperfecto.
Tras a quinta edición do premio, o Concello de Bueu publicou un volume especial, titulado Póker de dramas, no que se recollían os relatos gañadores da cinco primeiras convocatorias.