O Concello de Bueu abre o prazo de inscricións para os obradoiros de memoria
- As persoas interesadas en participar deberán entregar a solicitude entre o 17 e o 24 de xaneiro no Rexistro Xeral do Concello ou a través da Sede Electrónica
O Concello de Bueu arrancará en febreiro un novo curso de obradoiros de memoria para persoas maiores, un proxecto que se insire no marco do plan anual de fomento das políticas sociais activas. Dende o Departamento de Benestar Social anuncian que o prazo de inscrición estará aberto do 17 ao 24 de xaneiro, ambos días incluídos, e as persoas interesadas deberán entregar a solicitude no Rexistro Xeral do Concello ou a través da Sede Electrónica.
Nesta edición, cuxo inicio está previsto para febreiro, programaranse seis grupos, que se dividirán entre Centro Social do Mar de Bueu, a Casa do Pobo de Beluso e o Centro de Interpretación de Agrelo. A iniciativa ten como obxectivos o fomento do envellecemento activo, o aumento na calidade de vida, o coñecemento de novas actividades de ocio e tempo libre, a mellora nas relacións sociais, etc. Tal e como apunta Laura Ogando, concelleira de benestar social e igualdade, “estes obradoiros son moi importantes para a poboación maior, pois axudan a prever deterioro da saúde mental”.
Os talleres serán impartidos, como é habitual, polo Centro de Día Pescadoira e Centro de Día Contigo, ambos de Bueu. A través deles, as persoas participantes seguirán as propostas de Estimulación Cognitiva, que buscan intervir nas funcións intelectuais que se poden ver afectadas nas persoas maiores. Así, realizaranse tarefas de debuxo, de construción de modelos, de xestos e mímica, de praxias cognoscitivas, actividades con música, exercicios sensoriais, e outros de relaxación e respiración. Todas elas ofrecen unha perspectiva integral ara lograr un envellecemento activo.